top of page

Cuiña márcase como prioridade para o vindeiro mandato construir un novo local social en Méixome

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

O candidato de Compromiso por Lalín tamén amosou a súa preocupación polos problemas de abastecemento de auga nesta parroquia


Ecos da Comarca/Lalín

O candidato de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, anuncia que a construción dun novo local social en Méixome será unha das súas prioridades para o vindeiro mandato nesa parroquia. Así o anunciou nun encontro que mantivo esta semana unha reunión con veciñas e veciños da zona, recollendo unha das demandas que se suscitou nese encontro.

Na actualidade o local social de Méixome non dá resposta ás necesidades veciñais. Trátase dun local de dimensións moi reducidas e con escaso equipamento, o que provoca que apenas teña utilidade.

“Ese local social é simplemente un corredor no que case non se colle e, definitivamente, non está á altura do que merece a xente da parroquia”, explica Cuiña, que se compromete a facer un novo para que sexa un verdadeiro elemento de dinamización veciñal e social.

Consciente de que o rural de Lalín precisa de servizos que eviten a perda de poboación, Cuiña tamén amosou a súa preocupación polos problemas de abastecemento de auga que sofre Méixome e moitas outras parroquias durante as épocas de seca.

“É unha situación que se vai repetir e seguramente agravar co paso do tempo, polo que é imprescindible dotar á zona das canalizacións necesarias para evitar problemas de abastecemento”, advertiu. Tamén analizou coa veciñanza a posibilidade de construír un novo tanque de auga que, ademais de evitar eses problemas, poida ser empregado en caso de incendios forestais.

Cuiña lembra que, neste caso, o PP prometeu ampliar a captación da traída veciñal, pero “xa a ninguén lle sorprende que non se fixese absolutamente nada para dar cumprimento a ese compromiso”. E o mesmo sucede coa axilización da parcelaria da parroquia, unha cuestión coa que “os veciños están moi desencantados porque non houbo nin un só avance nos últimos catro anos”.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

Co obxectivo de fixar poboación e facilitar a vida da veciñanza, Cuiña tamén explicou a súa proposta para mellorar a mobilidade dotando dun servizo de transporte público ao rural lalinense. “Un dos grandes problemas aos que se enfronta a xente das nosas parroquias hoxe en día é a falta de facilidades para desprazarse ao casco urbano sen ter que depender dos seus propios medios, algo que resulta case imposible no caso da xente maior”, afirma.

Por iso “debemos impulsar un servizo de bus que sexa útil para que quen o precise poida acudir sen problema a unha consulta médica en canto estea en marcha o CIS ou ao seu posto de traballo no polígono”, di. Neste caso é preciso contar coa acción decidida e o compromiso do goberno municipal que saia das próximas eleccións, e “ese compromiso so o podemos garantir nós”.


Bình luận


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page