Cuiña lamenta que "sexa o persoal do PAC o que lle teña que sacar as vergoñas a Crespo en Sanidade"
- ecosdacomarca
- 24 may 2023
- 2 Min. de lectura
CxL amosa o seu “máximo respaldo” aos traballadores e traballadoras do PAC do centro de saúde de Lalín ante a petición dunha nova ambulancia asistencial e máis persoal
Ecos da Comarca/Lalín
O candidato de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, lamentou este martes que o Partido Popular e o goberno de Crespo "sigan facendo oídos xordos de maneira reiterada ás demandas do persoal sanitario de Lalín". Así o fixo ao fío da carta remitida por profesionais do PAC e do Centro de Saúde a diferentes directivos do Sergas e da Consellería de Sanidade na que expresan o seu descontento coa futura adxudicación dunha ambulancia sanitarizada para a comarca do Deza e que “unha vez máis lle saca as vergoñas a Crespo en materia de sanidade”
Cuiña di que con estas críticas -que veñen de quen mellor coñece as necesidades sanitarias de Lalín e o seu ámbito de influencia- “desmorónase por completo a indecente propaganda que fai o PP ás portas das eleccións municipais para intentar salvar a cara ante un dos seus máis flagrantes incumprimentos coa veciñanza”.
Os propios profesionais que subscriben esta carta alertan de que esa ambulancia sanitarizada que se vai incluír no próximo concurso “non é efectiva para unha área como a nosa” e que “queda coxa” á hora de garantir a atención médica ao paciente. “Non pode estar máis claro: unha vez máis a Xunta do PP e o propio Crespo volven deixar nunha situación de indefensión sanitaria aos nosos veciños e veciñas”, afirma con rotundidade.

A maiores, Cuiña tamén incide en que os traballadores do PAC e do Centro de Saúde de Lalín seguen a queixarse da falta de equipos completos a partir das 10 da noite. Tamén neste aspecto “estamos absolutamente de acordo coas críticas dos profesionais, que advirten de que esta situación, xunto coa falta da ambulancia asistencial, compromete a adecuada atención aos pacientes”.
Trátase, en palabras de Cuiña, dunha “situación inadmisible” porque “non pode haber maior prioridade para un político que facer todo o posible para garantir a saúde pública da xente”. “Estamos a falar da vida e o benestar das persoas e, ante iso, non son admisibles pretextos nin parches como os que nos pretenden vender Crespo e o PP para intentar disimular o seu engano masivo, tamén nun eido tan delicado e fundamental como o da saúde”, proclama.

A este escenario súmanse "os constantes retrasos nas obras de construción do CIS, que asinei eu coa Consellería de Sanidade en 2018 e que tiña que estar rematado xa en 2019. E isto prodúcese mentres o actual ambulatorio están nun estado de total decrepitude, no que é a imaxe máis simbólica da importancia que o PP lle dá á sanidade pública".
Neste contexto, o candidato de CxL comprométese a que se volve ser alcalde, unha das primeiras cousas que fará será acudir á consellería de Sanidade para reclamar “con respecto institucional, pero con firmeza” que se dea cumprimento inmediato a estas demandas: remate inmediato das obras do CIS, nova ambulancia asistencial e incremento de persoal sanitario para Lalín.
MITINS DE CXL PARA HOXE, MÉRCORES
XAXÁN-LOCAL SOCIAL-19:00 HORAS.
ERBO-LOCAL SOCIAL-20:00 HORAS.
PALMOU-LOCAL SOCIAL-21:00 HORAS.
SELLO/FONTECABALOS-LOCAL SOCIAL-22:00 HORAS.
留言