top of page

Cuiña impulsará medidas para facilitar a mobilidade cun bono-taxi e con mellores conexións de bus

Estas propostas do candidato de Compromiso por Lalín están pensadas sobre todo para a xente que vive no rural deste municipio


Ecos da Comarca/Lalín

O candidato de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, anuncia que o programa da súa formación para as vindeiras eleccións municipais incluirá diferentes medidas para facilitar a mobilidade da xente que vive no rural de Lalín.

“Un dos grandes problemas aos que se enfronta a xente das nosas parroquias cada día é a carencia de alternativas para desprazarse ao casco urbano sen ter que depender dos seus propios medios”, explica Cuiña. Incide en que esta eiva afecta en maior maneira á xente maior, que en moitos casos ve imposible achegarse ao casco urbano sen a axuda dun familiar ou de outros veciños.

Neste escenario, Cuiña márcase como “prioritario” para o vindeiro mandato activar un bono-taxi para que a xente maior do rural poida realizar viaxes neste medio de transporte bonificadas polo concello. Esta iniciativa xa se está levando a cabo dende hai anos con enorme éxito en diferentes municipios e en Lalín, subliña Cuiña, “faise imprescindible aplicar unha fórmula semellante pola súa extensión, a dispersión das súas parroquias e o envellecemento da súa poboación”.


Lembra casos como os de Zobra, Lebozán ou outras parroquias, para os que chamar a un taxi do casco urbano para facer unha viaxe lles custa 44 euros. Isto fai que moitas veces decidan non baixar a Lalín ou depender de que alguén de fóra lles poida facer algún recado.

“Cunha bonificación da viaxe na metade, por exemplo, o desprazamento sería máis asequible e a mobilidade co casco urbano sería moito máis accesible e doada para todas e todos”, defende. En calquera caso, Rafael Cuiña explica que o modelo de descontos se articulará en consenso co sector, do que forma parte un dos membros da candidatura de Compromiso por Lalín, José Luis Abeledo.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

En paralelo, o candidato de CxL incide na necesidade de dotar ao rural lalinense dun servizo de transporte público regular e con garantías que permita conectar as nosas parroquias con lugares como o CIS, unha vez estea rematado e en funcionamento, ou o polígono industrial.

Por iso “debemos impulsar un servizo de bus que sexa útil para que quen o precise poida acudir sen problema a unha consulta médica ou ao seu posto de traballo ”, di. Neste caso é preciso contar coa acción decidida e o compromiso do goberno municipal que saia das próximas eleccións, e “ese compromiso so o podemos garantir nós”.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page