top of page
Foto del escritorecosdacomarca

Cuiña garante unha inversión mínima de 12 millóns de € para traídas de auga, saneamentos e pistas

O candidato de Compromiso por Lalín proclama que "o vindeiro mandato será o do impulso decisivo á mellora da calidade de vida nas parroquias tras 30 anos de abandono do goberno de Crespo"


Ecos da Comarca/Lalín

O candidato de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, márcase como un dos seus grandes obxectivos para o vindeiro mandato incrementar servizos e infraestruturas e potenciar a economía nas parroquias de Lalín. “A veciñanza do rural merece ter a mesma calidade de vida que a do casco urbano, o que, entre outras, cousas permitiría fixar poboación ante a sangría que están a sufrir por mor do abandono ao que ás someteu o goberno de Crespo durante 30 anos”, afirma.

Neste contexto, Cuiña explica que o programa de Compromiso para as vindeiras eleccións municipais garante que o Concello fará durante o vindeiro mandato investimentos por valor dun mínimo de 12 millóns de euros para poñer en marcha saneamentos e mellorar pistas, con especial atención ás necesidades da maquinaria agrícola.

En calquera caso, prestará especial atención á construción das traídas de auga, “un ben esencial que vai ser aínda máis valioso ante as previsións de seca para os vindeiros anos”. “Non se pode consentir que a estas alturas do século XXI, moitas parroquias carezan das infraestruturas que garantan este servizo”, lamenta Cuiña, quen ademais lembra que un dos compromisos do PP para este mandato era o de dotar destes servizos ao 75 por cento da poboación.


Nesta liña, Cuiña lamenta que "o único que fixese o PP fosen anuncios e carteis anunciando actuacións que non foron capaces de activar nos últimos catro anos. Trátase dunha mentira máis, unha nova promesa incumprida de Crespo, que non tivo ningún tipo de escrúpulos en xogar cunha das necesidades máis preocupantes do noso rural”.

Incide en que “produce verdadeira mágoa comprobar como nos mitins que estamos a facer estes días a xente segue a lamentarse do abandono que sufriron durante estes catro anos, e máis en cuestións que son esenciais para o seu modo de vida”. A posibilidade de sufrir cortes de auga “non só afecta á poboación das nosas parroquias, senón tamén a grandes e pequenas explotacións gandeiras, que observan con incerteza o futuro para a súa supervivencia”, di.


Polo miúdo, Cuiña detalla que Compromiso garante un investimento mínimo de 5 millóns de euros para o conxunto do mandato na construción de saneamentos e traídas de auga e de 6 para a mellora de pistas e outras infraestruturas, cun cronograma de actuacións a realizar durante cada ano.


Tamén se avanzará substancialmente na construción de depósitos de auga para dar servizo ás parroquias. Outro dos aspectos fundamentais para mellorar a calidade de vida no rural pasa por elaborar un cronograma de desbroces que permita incrementar as datas para acondicionar as pistas e espazos públicos ao longo de todo o ano, e non só en momentos puntuais.

Ademais doutras medidas para poñer en valor as aldeas e lugares de Lalín, Compromiso tamén acometerá un acondicionamento periódico dos locais sociais e o seu entorno, recollendo outra das demandas máis comúns da veciñanza do rural. A extensión da fibra óptica ás parroquias que aínda non dispoñen deste servizo, fundamental para as veciñas e veciños dende o punto de vista social e económico, será outro dos obxectivos de CxL para o vindeiro mandato. “Non podemos pretender que a xente quede a vivir e traballar nas aldeas, cando a súa conexión a Internet non responde ás necesidades dos tempos que vivimos”, conclúe.





0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page