Cuiña di que Crespo presenta "un programa repetido e que insulta á intelixencia da veciñanza"
- ecosdacomarca
- 14 may 2023
- 3 Min. de lectura
Considera “esperpéntico” que “os grandes artífices da deshumanización das rúas deseñadas polo anterior goberno” falen agora de potenciar a humanización
Ecos da Comarca/Lalín
O candidato de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, acusou onte a Crespo e ao Partido Popular de estar instalados “nun bucle infinito de promesas repetidas ata a extenuación e que non foron capaces de concretar durante catro anos”. Así ao manifestou ao fío do programa presentado polo PP, e que “non é máis que o retorno ás mesmas e vellas promesas que Crespo non foi quen de levar a cabo neste mandato”.
Neste contexto, Cuiña considera que “o programa do PP constitúe unha emenda á totalidade” da propia xestión de Crespo nestes últimos anos. Tamén é “un recoñecemento claro e expreso dos seus numerosos incumprimentos e do engano masivo á cidadanía de Lalín”. “Asistimos, polo tanto, a un día da marmota electoral no que Crespo dá voltas en círculo para regresar ao mesmo punto de partida sen que Lalín avance o máis mínimo”, sentencia.

Cuiña incide tamén en que “este programa de segunda man e de corta e pega” do PP constitúe un “grave insulto á intelixencia” da veciñanza de Lalín, á que “o PP lle volve pedir o voto cunha proposta idéntica á que presentou en 2019”.
“Non vale de nada”, advirte o candidato de Compromiso por Lalín, “que o propio Crespo trate de disimular o plaxio que se fai a si mesmo sinalando que o seu programa é continuista: non se pode continuar o que nunca se empezou a facer”, lémbralle Cuiña ao actual alcalde. Con todo, Cuiña dálle a razón a Crespo nunha cousa, ao tempo que lle pide que se aplique as súas propias palabras: “o que non se fixo en catro anos non se vai facer agora en quince días, por moito que o PP intente parapetar a súa ineficacia detrás da propaganda e das mentiras mil veces repetidas”.
Por iso, resulta “case esperpéntico, e como mínimo desconsiderado”, que o Partido Popular pretenda “tomar á xente por parva e facerlle comungar outra vez con rodas de muíño”. Cuiña está convencido de que os electores saberán tomar boa nota desta actitude o vindeiro 28 de maio, porque “a xente xa se fartou de que elección tras elección Crespo lle prometa as mesmas cousas”.
Así, o programa do PP volve recoller “os grandes clásicos de ayer, hoy y siempre como son a rebaixa das peaxes da AP-53; a gran praza; a ampliación do polígono; o CIS, que asinei eu mesmo como alcalde; o complexo deportivo con pista de atletismo a carón do Arena; o acondicionamento da antiga piscina; a potenciación do comercio... E así ata o infinito e máis alá”. “Podería facer gracia se non fose porque se está xogando de maneira politicamente indecente cunha cousa moi seria: o progreso, o benestar e o futuro dos e das lalinenses”, di.
Por último, Cuiña considera “intolerable que os grandes artífices da deshumanización das rúas de Lalín teñan a falta de vergoña de falar de humanización de rúas céntricas”. As súas propostas copian proxectos que Compromiso xa foi anunciando nos últimos anos, co cal “non so se copian a eles mesmos senón que tamén nos copian a nós”. Por desgraza, “trátase dunha mala copia como se viu co severo retroceso que sufriu o proceso de humanización emprendido polo anterior goberno por culpa do Partido Popular. Un claro exemplo disto é o que se fixo coas rúas Principal e Loriga, rebaixando orzamento e calidades e sen ningunha reordenación do tráfico rodado para potenciar a prioridade peonil, que foi para o que as deseñou o anterior goberno".
MITINS DE CXL PARA HOXE, DOMINGO
LOSÓN-LOCAL SOCIAL-11:00 HORAS
NOCEDA-LOCAL SOCIAL-12:00 HORAS
BUSTO-LOCAL SOCIAL-17:00 HORAS
ANZO-LOCAL SOCIAL-18:00 HORAS
Comments