top of page
Foto del escritorecosdacomarca

Cuiña considera "unha burla ao empresariado de Lalín que Conde e Crespo usen burdas falsidades"

O candidato de Compromiso por Lalín refírese ao "bloqueo á ampliación do polígono"


Ecos da Comarca/Lalín

O candidato de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, cualificou este mércores de "burla" a reunión mantida esta semana polo Partido Popular con empresarios e empresarias de Lalín, na que participaron José Crespo e Francisco Conde.

“O conselleiro de Industria”, afirma, “xa non ten rubor en asumir que a Xunta é unha sucursal electoralista ao servizo do PP para atacar ao resto de formacións que concorren ás eleccións municipais”. En lugar diso, “o que debería facer o conselleiro de desindustrialización de Lalín é asumir as súas evidentes responsabilidades e, cando menos, pedir desculpas polo bloqueo sistemático e consciente a ampliación do polígono”. Cuiña remarca que “de nada serven as escusas de mal pagador do PP dos últimos 14 anos, cando a xente, e sobre todo os mozos e mozas, se vén obrigados a emigrar para poder buscarse a vida noutros municipios”. Neste contexto, o candidato de Compromiso considera que “son en realidade Conde e Crespo os que demonizan aos empresarios e empresarias de Lalín e, o que é peor, ao conxunto da veciñanza do noso concello”.

Para Cuiña está claro que “non é o mesmo ter un conselleiro que outro” no goberno galego. “Mentres Conde se dedicou durante anos a poñer paus nas rodas ao crecemento empresarial de Lalín, outros seguramente terían máis sensibilidade e altura de miras coas necesidades do noso pobo”. Porén, “queda en evidencia que para o Partido Popular as necesidades da xente están en último lugar: o primeiro son os seus propios intereses particulares e electoralistas”. Neste escenario, Cuiña explica que un dos eixes básicos do programa de Compromiso para as vindeiras municipais vai ser reivindicar con contundencia, pero co necesario respecto institucional “que eles non nos teñen”, que se active de maneira decidida e inmediata a ampliación do polígono industrial. “Non hai ningunha outra demanda máis prioritaria que esa para reactivar a nosa economía e noso mercado laboral”, sentencia. Incide en que “nós si tomaremos medidas dende todos os ámbitos posibles para que esa medida que vai no noso programa se faga efectiva canto antes”. Contrasta esta actitude, co “pasotismo temerario” do PP durante este mandato, malia que a cuarta fase do polígono era unha das súas medidas estrela.

Cuiña sinala que “o único que sabemos desa promesa incumprida é que a despreocupación do goberno de Crespo por este asunto e a súa complicidade coa Xunta condenan a Lalín a non dispoñer de novo chan industrial ata finais do ano 2025”. Incluso "cumpríndose esa previsión, ningunha empresa estará en disposición de empezar a traballar alí ata finais de 2026". En paralelo, Cuiña amósase contundente á hora de asegurar que “este atraso deixa a Lalín fóra de importantes oportunidades de investimento a través dos fondos Next Generation”. “Crespo e Conde deberían dar explicacións inmediatas sobre isto”, reclama, “en lugar de facer propaganda”.





0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page