Cuiña alerta de que Crespo "está a levar a Lalín a unha situación económica insostible"
- ecosdacomarca
- 15 mar 2023
- 3 Min. de lectura
O candidato de Compromiso por Lalín fala "dunha débeda total de 10,5 millóns de euros"
Ecos da Comarca/Lalín
O candidato de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, alertou este martes da “preocupante e insostible situación económica á que está a levar o goberno de Crespo ao Concello de Lalín”. Segundo reflicten os informes de Intervención, "a débeda municipal chegará a finais deste mandato a máis de 10,5 millóns de euros. Na actualidade hai formalizados créditos con entidades bancarias por 8,9 millóns de euros, aos que agora hai que sumar un novo préstamo - que se acaba de sacar a licitación- por valor de case 1,5 millóns de euros".
“Estamos en niveis de endebedamento inasumibles para unha entidade local”, advirte Cuiña, “cuns 525 euros de débeda por cada veciño e veciña de Lalín”. É un récord absoluto que multiplica por dous a débeda que deixou o PP cando cheguei á Alcaldía en 2015”, lembra.

A maiores, o candidato de CxL incide noutro dato “que non presaxia un futuro nada alentador para as arcas municipais”. Intervención conclúe nos seus informes económicos que neste intre "non se están a cumprir o obxectivo de estabilidade orzamentaria nin da regra de gasto. Isto implica que de non estar suspendidas na actualidade as regras fiscais -que poden volver a habilitarse en calquera momento- o Concello estaría abocado á elaboración dun Plan Económico Financeiro (PEF) e polo tanto a súa xestión económica estaría tutelada polo Goberno central".
“Débeda e gastos desorbitados en cuestións que non son prioritarias para a veciñanza están deixando totalmente hipotecado ao próximo goberno de Lalín”, conclúe.
"Outras cifras chamativas"
Por outra banda, Cuiña fai fincapé en outras cifras chamativas que recollen os informes económicos de Intervención. Nesta liña, pide explicacións polo "desfase" entre os gastos e os ingresos. "O documento sobre a execución do orzamento reflicte que houbo 29,8 millóns de euros de gastos fronte a 19,6 millóns de euros de ingresos, o que deriva nun resultado negativo de -10,2 millóns de euros".
Con respecto aos remanentes de Tesourería, para Cuiña resultan "excesivamente elevados nun contexto no que, como xa se apuntou, están suspendidas as regras fiscais e, polo tanto, o Concello non conta con ningún tipo de limitación para empregalos". Lembrou que "con 2,7 millóns de euros de remanente e coas regras fiscais vixentes, no anterior mandato o daquela portavoz do partido Popular, Javier Blanco Carballal -agora imputado pola
súa xestión en AGADER- dicía que eran a radiografía exacta da incapacidade xestora do
anterior goberno. Para nós os actuais remanentes, sumados aos 6,4 millóns de 2020 e aos 7,6 millóns de 2021, merécennos exactamente a mesma interpretación que facía naquel entón o Partido Popular: son a radiografía exacta da súa incapacidade xestora”, di Cuiña.
“Inaceptables mentiras” do goberno sobre a avenida Xosé Cuiña
O candidato de Compromiso cualificou de “inaceptable” que o goberno de Crespo minta e trate de eludir “as súas evidentes responsabilidades” sobre o problema dos accesos ás fincas afectadas pola obra da avenida Xosé Cuiña. Recordou que en setembro de 2019, a tenente de alcalde, Paz Pérez, anunciou unha importante modificación no proxecto e unha rebaixa no seu orzamento.
“Nin naquel momento nin en ningún outro ata que xurdiron as protestas dos afectados, falaron de ningún problema de accesos”, sinala antes de engadir que “só agora cando hai problemas menten e tratan de botarlle a culpa que eles teñen ao goberno anterior, o que me parece inaceptable”. Para apuntalar a súa argumentación, incide en que o proxecto que se está a executar está asinado en xullo do ano 2021, así que “tiveron tempo de sobra de facelo de maneira correcta”. E pregunta: “canto máis vai haber que gastar agora por non ter contemplados os accesos nas súas modificacións?”.
Nesta liña, Cuiña reta a Crespo a manter unha reunión coa veciñanza afectada, “na que tamén estea eu presente”, para que diga que “todo é culpa do goberno anterior”. “Estou disposto a estar nese encontro para ver se se atreve a dicir diante miña e dos veciños que a culpa é do goberno anterior”, di.
Finalmente Cuiña pídelle a Crespo, “se quere seguir tendo a relación cordial que temos a día de hoxe”, unha rectificación inmediata "por mentir hoxe (por onte) nunha entrevista radiofónica sobre algo que eu non dixen nunca, e que polo tanto non está recollido en ningún lugar”. En concreto, refírese á acusación de que Cuiña dixo que parte das fincas da área deportiva poderían pasar a ser urbanizables, “e iso é completamente falso”. “Coñezo perfectamente o que se pode facer dende o punto de vista urbanístico, e polo tanto Crespo mentiu burdamente sobre algo que eu non dixen en ningún momento e non llo acepto”, sentencia.
Opmerkingen