top of page
Foto del escritorLaura Moure

Cubela remarca o compromiso da Deputación co sector primario na visita de Go-Grass a Mouriscade

O deputado recibe 40 integrantes deste consorcio do proxecto europeo de Alemaña, Dinamarca, Suecia, Os Países Baixos, Bélxica, Romanía, Hungría e España, que elixieron esta finca de Lalín como exemplo de boas prácticas na transformación do rural


Laura Moure/Lalín

O deputado de Reto Demográfico da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, recibiu este venres na Finca Mouriscade de Lalín a un grupo de corenta integrantes do consorcio do proxecto europeo “Go-Grass” procedentes de Alemaña, Dinamarca, Suecia, Os Países Baixos, Bélxica, Romanía, Hungría e España, que seleccionaron as instalacións da institución provincial en Lalín como exemplo de boa práctica na transformación do rural. Na recepción, o deputado remarcou o compromiso do Goberno de Luis López co “impulso, modernización e revalorización do sector primario, un dos motores económicos fundamentais do interior da provincia”.

“Mouriscade é, para nós, a manifestación viva da importancia que ten para esta institución, para este Goberno, a contorna rural e o sector primario desta provincia”, asegurou o deputado provincial. “Sabemos —subliñou o responsable de Reto Demográfico da Deputación— que a loita contra o despoboamento do rural vai da man, entre outras moitas iniciativas, da aposta polo sector primario, e neste sentido imos traballar, tendendo pontes co tecido privado e outras entidades públicas para xerar oportunidades na provincia”. Tamén recordou que Orzamento da Deputación de Pontevedra para o 2024 contempla un incremento do 1,4 % na partida destinada á Finca Mouriscade para seguir avanzando na transformación do sector primario.


Publicidade

A Finca Mouriscade foi elixida a través da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias, membro do consorcio do proxecto europeo “Go-Grass”, como centro demostrativo pola súa implementación de tecnoloxías de circularidade na cadea de valor levadas a cabo na planta de biogás. O grupo representante do consorcio, que agrupa universidades, centros de investigación, empresas, ganderías e unha ampla representación da cadea de valor das áreas seleccionadas en oito países europeos, visitou, amais da planta de biogás das instalacións da Deputación de Pontevedra en Lalín, o traballo que se desenvolve en Mouriscade a través do seu laboratorio e da granxa. “Que Europa se fixe en nós —subliñou Jorge Cubela— é un aliciente que nos anima a traballar con, se cabe, máis forza cara á modernización do sector primario e ao impulso de modelos de negocio efectivos e circulares na nosa contorna”.


Publicidade

“Go-Grass” trátase dunha iniciativa para transformar o panorama rural europeo que traballará nos próximos catro anos para desenvolver modelos de negocio efectivos e circulares na contorna rural europea. O seu obxectivo é dinamizar as comunidades rurais desenvolvendo solucións de base biolóxica a pequena escala para desbloquear o potencial dos pastos de Europa e crear novas oportunidades de negocio nas zonas rurais do continente.



0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page