Cuíña defende unha auditoría do gasto público, un orzamento honesto e a reducción do gasto en Lalín
- ecosdacomarca
- 14 mar 2023
- 2 Min. de lectura
"Estas medidas coinciden coas que Feijóo considera prioritarias para o goberno estatal", destaca o candidato de Compromiso por Lalín
Ecos da Comarca/Lalín
O candidato de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, anuncia que as tres primeiras medidas que adoptará en caso de volver a ser alcalde serán a realización dunha auditoría do gasto público, a elaboración dun orzamento “honesto e realista” e unha redución do gasto burocrático.

Cuiña considera que se trata de tres propostas “urxentes e necesarias” no actual contexto de crise e ante un escenario socio-económico complexo no que Crespo e o PP de Lalín están a levar ao Concello a uns niveis de endebedamento “non vistos en anos” e que xa está no "limiar dos 9 millóns de euros".
“Lonxe de xestionar con rigor os cartos públicos, como correspondería a un gobernante responsable, Crespo prefire seguir coa súa política de dispendio de cartos públicos en cuestións non prioritarias para a xente e con fins unicamente propagandistas”, afirma. Apunta, nesta liña, os 4,3 millóns de euros para a compra da Casa Álvaro, o acordo para os terreos da “gran praza”, os terreos da antiga sala Sauces e o incremento de un millón de euros na RPT.
Ao mesmo tempo, o candidato de Compromiso por Lalín sinala que estas medidas van na liña do dito polo presidente nacional do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, quen nunha recente entrevista comprometeuse a que esas, precisamente, serían as tres medidas que primeiro aplicará en caso de chegar á presidencia do Goberno de España.
En calquera caso, o que resulta “tremendamente contraditorio” disto é que mentres Feijoo aposta por este tipo de propostas, onde gobernan os seus compañeiros de partido, como en Lalín, “faise exactamente todo o contrario”. “Débeda e gasto descontrolado son os sinais de identidade dun goberno local que gasta moito, pero que apenas fai nada para solventar as necesidades reais da veciñanza”, proclama.
Nesta liña, considera que os orzamentos elaborados por Crespo constitúen o mellor exemplo de que “non son honestos nin realistas”. En cada exercicio séguense a inflar as contas municipais para vender uns presupostos históricos, pero, á hora da verdade, “os niveis de inexecución desmenten calquera atisbo de xestión rigorosa”.
Recorda que, aínda coas regras fiscais suspendidas dende hai anos, as liquidacións están arroxando “remanentes escandalosos”, como os 6,2 millóns de euros de 2020 ou os 7,6 de 2021. “Xa veremos que desagradable sorpresa nos depara a liquidación do ano pasado e que está a piques de coñecerse”, augura.
Comments