Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O Partido Popular de Vila de Cruces denuncia "a falta de planificación e mantemento
por parte do Concello, o que levou a un avance descontrolado das herbas nas beirarrúas do municipio. Esta situación representa un perigo para os peóns e reflicte o abandono por parte do Concello".

As beirarrúas de Vila de Cruces , sinalan os populares, "atópanse invadidas pola vexetación, o que non só afecta negativamente á imaxe e limpeza do lugar, senón que tamén dificulta o tránsito peonil. Recentemente, recibimos numerosas queixas por parte dos veciños, especialmente en Duxame, os que mostran preocupación ante o crecemento sen control das herbas".
Ademais, apuntan que "tanto aos veciños de Duxame como ao noso grupo, preocúpanos profundamente que se utilizaron herbicidas como medida para tentar acabar con estas herbas invasoras. Esta práctica é altamente reprochable xa que pode ter impactos negativos no medio ambiente e na saúde pública. É inaceptable que se recorreu a produtos químicos sen tomar en conta as súas consecuencias adversas".
Publicidade
"Lamentablemente, esta situación non se limita unicamente ás beirarrúas de Duxame. Preocúpanos profundamente saber que o uso indiscriminado de herbicidas tamén está presente noutras zonas do municipio e mesmo en áreas protexidas incluídas dentro de Rede Natura como a área Recreativa da Carixa. Isto resulta altamente preocupante xa que podería ter impactos significativos tanto na biodiversidade como nos ecosistemas naturais. Resulta inaceptable que o Concello non tomase medidas efectivas para manter en adecuadas condicións as vías públicas a tempo. A falta de mantemento demostra unha clara neglixencia por parte do goberno local, poñendo en risco a seguridade e benestar dos veciños".
O Partido Popular expresa o seu firme rexeitamento "a estas prácticas daniñas para o medio ambiente" e esixe ao Concello tomar medidas urxentes para garantir a protección da contorna natural evitando así calquera uso indiscriminado ou prexudicial de produtos químicos nocivos.
Publicidade
"Instamos ao alcalde Luis Celso Taboada e o seu equipo municipal a actuar con responsabilidade cara ao medio ambiente adoptando medidas inmediatas para corrixir este grave erro antes de que se converta nun problema irreversible. A comunidade merece vivir nunha contorna limpa e coidada sen poñer en risco a saúde do ecosistema local".
Comments