top of page
Foto del escritorLaura Moure

Cruces insta á Xunta a asumir “progresivamente” o 100% do custo do Servizo de Axuda no Fogar

“Que Concello asuma case a metade do custo do servizo implica que se detraian recursos para atender as verdadeiras competencias locais”, sinala o goberno local


Laura Moure/Vila de Cruces

O Concello de Vila de Cruces demanda da Xunta de Galicia a promoción dun marco de financiamento “xusto” nos servizos de competencia autonómica, especialmente en materia de dependencia. A institución municipal, que preside Luís Taboada, solicitara en abril á Consellería de Política Social e Xuventude un incremento da súa achega para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), sen recibir ningunha resposta transcorridos xa cinco meses. Así que o Concello cruceño vén de remitirlle unha nova solicitude, na que “insta á Xunta de Galicia a asumir progresivamente o 100 % do custo do SAF, co fin de garantir a sostibilidade económica dos servizos públicos. Queremos velar polo benestar dos nosos maiores, aos que tanto lles debemos”.


A instancia municipal argumenta que o Servizo de Axuda no Fogar constitúe unha prestación de vital importancia, en tanto que atende un dos colectivos máis vulnerables: o das persoas maiores e dependentes. “O SAF é un servizo cada vez máis necesario e demandando no concello de Vila de Cruces por mor do envellecemento da nosa poboación”, segundo sinala o texto.

O Concello de Vila de Cruces aporta máis de 300.000 euros de fondos propios para o Servizo de Axuda no Fogar. O feito de que o Concello asuma case a metade do custo do SAF implica que se detraian recursos para atender as verdadeiras competencias locais, tal como se argumenta.


Os custos do Servizo de Axuda no Fogar multiplicáronse nos últimos anos. En Vila de Cruces, o gasto actual é 27 veces superior ao de 2018. O custo por unha hora ordinaria de servizo sitúase nos 23,19 euros, mentres que a hora festiva se atopa preto dos 27€. A hora do servizo na modalidade de libre concorrencia ascende a 24,53 euros. Tomando en consideración que o Concello presta un total de 32.880 horas anuais de servizo, o importe total do contrato ascende a preto de 800.000 euros por anualidade.


Publicidade

En canto ao financiamento, o Executivo autonómico, contando coas achegas que percibe do Estado, aporta 12 euros por hora, menos da metade do custo real. "En consecuencia, é o Concello o que realiza o maior esforzo por manter e mellorar un servizo tan necesario para os maiores. En concreto, a Administración autonómica asume o 46,28% do gasto fronte ao 40,18% que aporta o Concello con fondos propios", indica o propio Concello.


A nova lexislación estatal reduce a parte do copago de deben asumir as persoas usuarias do SAF. En concreto, en Vila de Cruces, as persoas usuarias aboan unha media de 1,87 €/hora, segundo os datos do 2023 para o SAF na modalidade de dependencia, e 5,22 €/hora en SAF prestación básica. “Trátase dunha medida social coa que estamos de acordo. Se ben, non podemos entender que ese incremento do gasto repercuta unha vez máis nos concellos, posto que é a Xunta a administración competente”, explica a instancia enviada á Xunta de Galicia esta semana.

0 comentarios

Bình luận


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page