Cruces facilitará a conciliación das familias en Semana Santa co Programa Concilia
- Laura Moure
- 20 mar
- 2 Min. de lectura
Pon en marcha a convocatoria que ofrecerá actividades os días 14, 15, 16 e 21 de abril para 80 estudantes dos colexios Cerdeiriñas e Nosa Señora da Piedade
Laura Moure/Vila de Cruces
O Concello de Vila de Cruces convoca unha nova edición do Programa Concilia Semana Santa 2025, unha iniciativa para facilitar a conciliación entre a vida laboral e os coidados dos menores. Esta acción permitirá que nas datas das vacacións de Semana Santa os pais e nais poidan cumprir coas súas obrigas laborais e que os seus fillos e fillas estean
atendidos e entretidos.
Poderán ser beneficiarios do servizo o alumnado do CEIP Cerdeiriñas e do CEIP Nosa Señora da Piedade, coa correspondente inscrición ben presentada e por orde de rexistro ata completar o aforo, un máximo de 40 prazas para cada centro escolar. A actividade desenvolverase os días 14, 15, 16 e 21 de abril, en horario de 8:45 a 13:15 horas. A recepción e recollida dos participantes efectuarase no se propio colexio, onde se desenvolverán as actividades do programa.

A solicitude poderase presentar a través da ficha de inscrición dispoñible nas
dependencias do Concello, na web municipal –https://viladecruces.es/– ou a través da aplicación ABALAR. O prazo de presentación das solicitudes estará aberto do 24 ao 31 de marzo no rexistro do Concello ou a través da sede electrónica.
O programa ten un prezo de 20 euros por persoa e o pago efectuarase, xa coa solicitude confirmada, nun número de conta habilitado polo Concello antes do 9 de abril co correspondente envío do xustificante de pago ao correo electrónico mireya.otero@viladecruces.es
Publicidade
O listado provisional de admitidos publicarase na web e redes sociais do Concello o 3 de abril, mentres que o listado definitivo farase público a través destas mesmas canles o 9 de abril.
Pódense consultar as bases do programa na web do Concello:
Comments