Cruces celebrará o 4 de marzo o seu tradicional desfile, con concurso de carrozas e disfraces
- Laura Moure
- 14 feb
- 3 Min. de lectura
A inscrición para participar estará aberta no Rexistro do Concello ata ese mesmo día ás 15 horas
Laura Moure/Vila de Cruces
O Concello de Vila de Cruces está a organizar o seu Entroido para o martes 4 de marzo. Haberá desfile de carrozas e disfraces polas rúas da vila a partir das 17:00 horas. En caso de chuvia, a actividade trasladarase ao pavillón municipal. As persoas interesadas en participar poden anotarse no Rexistro do Concello ata o 4 de marzo ás 15:00 horas. A organización tamén indica que os participantes que queiran utilizar música na súa actuación deberán entregala nun pen no Rexistro do Concello antes do luns 3 de marzo ás 14:30 horas.

O concurso terá diferentes premios en metálico segundo as categorías. Na modalidade de carrozas entregaranse premios para os tres primeiros clasificados (1º premio: 295 euros; 2º premio: 175 euros; e 3º premio: 125 euros); na categoría de grupo senior tamén haberá tres distincións (1º premio: 200 euros; 2º premio: 150 euros; e 3º premio: 100 euros); a de grupo infantil terá outros tres gañadores (1º premio: 150 euros; 2º premio: 120 euros; e 3º premio: 90 euros); ademais distinguiranse as mellores parellas infantís (1º premio: 90 euros; 2º premio: 70 euros; e 3º premio: 50 euros); e os máis espectaculares disfraces individuais, en categoría senior (1º premio: 60 euros; 2º premio: 50 euros; e 3º premio: 40 euros), e en categoría infantil (1º premio: 60 euros; 2º premio: 50 euros; e 3º premio: 40 euros).
"O Entroido é unha das festas máis populares e provocativas. Procuramos rirnos de nós mesmos, divertírmonos a esgalla e facer bromas e chufas. Son días de liberación e desinhibición mediante disfraces e músicas, mentres na mesa saboreamos grelos e lacóns, patacas e garavanzos, filloas e orellas. É un tempo onde reforzamos a nosa convivencia e a amizade, que nas aldeas e parroquias vivimos con especial intensidade. Así que gozade, querida veciñanza, destas buliciosas celebracións en comunidade", segundo destaca o Concello de Cruces.
Publicidade
Concurso de disfraces e Alto dos Xenerais da Ulla no Entroido de Merza
O Concello de Vila de Cruces colabora noutra cita sinalada no almanaque, o Entroido de Merza, organizado pola Asociación Cultural Vello dos Cornos.
O vindeiro domingo, 23 de febreiro, a festa comezará ás 16:30 horas cun desfile de carrozas e concurso de disfraces no campo da festa da parroquia. Para participar hai
que anotarse nas redes sociais da Asociación antes do día 21, indicando nome do grupo, número de integrantes e nome completo e DNI da persoa responsable. O xurado, que valorará a orixinalidade, creatividade e disfraz artesanal, outorgará na categoría de carrozas un primeiro premio de 200 euros, un segundo premio de 150 euros, e un terceiro premio de 90 euros; na categoría de grupos colectivos entregarase un primeiro premio de 180 euros, un segundo premio de 100 euros, e un terceiro premio de 80 euros; e no disfraz individual darase un primeiro premio de 70 euros, un segundo de 50 euros, e un terceiro de 30 euros. Tamén se entregará unha mención especial de 200 euros.
Xa ás 17:30 horas celebrarase o Alto dos Xenerais da Ulla, Festa de Interese Turístico de Galicia. Haberá discurso dos Mouros, repaso do Escribano e sermón do Frade.
A xornada estará amenizada pola charanga BB+ e haberá chocolate con churros para todos os nenos e nenas que asistan. Ao remate sortearase un “Conxunto de produtos cárnicos” para o 2026.
Commentaires