Cruces celebra a súa Feira do Galo de Nadal cun magnífico ambiente na Praza do Concello
- Laura Moure

- 23 dic 2025
- 2 Min. de lectura
Houbo unha animada degustación do galo, elaborada por restaurantes da zona, e música a cargo da agrupación Vai Nela de Salgueiros
Laura Moure/Vila de Cruces
O Concello de Vila de Cruces celebrou onte a XXVI Feira de Nadal do Galo de Curral na Praza Juan Carlos I (Praza do Concello). O alcalde Luis Taboada inaugurou a xornada,
acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera; o xefe
territorial de Medio Rural en Pontevedra, Antonio Crespo; o alcalde de Touro, Jesús
Reboredo; así como representantes do Concello de Boqueixón.

Luis Taboada sinalou que a Feira do Galo de Nadal é xa unha cita imprescindible onde “celebramos o mellor da nosa terra”, enxalzando a gastronomía e a tradición e tendo
como protagonista indiscutible ao galo de curral, un produto único, criado con coidado, tempo e respecto, sinónimo de calidade e identidade. “Esta feira é unha maneira de
manter vivas as nosas raíces e de poñer en valor o traballo dos criadores e criadoras e
o saber facer de xeracións enteiras”, manifestou.
Publicidade
A carpa encheuse de espírito navideño, creando un magnífico ambiente no que gozar
da degustación gratuíta do galo, con elaboracións realizadas polos cociñeiros de oito
establecementos locais de restauración: A de Rafael, O Galicia, Onde Antonio
Mouriscade, Casa San Martín, Casa Don Din, O Refuxio, Álex Iglesias e O Pazo.
Ademais, a veciñanza e os visitantes puideron mercar o galo xa morto para levar para á
casa e degustalo nas súas mesas de Nadal. A xornada contou coa actuación da
agrupación Vai Nela de Salgueiros, que puxeron ritmo e música durante toda a mañá.
Publicidade
Finalmente, a tenente de alcalde de Cruces, Mireya Otero, agradeceu a colaboración
da Asociación de Criadores de Galo de Curral de Vila de Cruces polo “importante labor
que desenvolven ao longo do ano”, e a participación dos restaurantes locais e tamén
da agrupación Vai Nela de Salgueiros, facéndolles entrega dun detalle como mostra de
recoñecemento do Concello.








Comentarios