Ocuparán os postos 4, 7 e 6 respectivamente
Laura Moure/Vila de Cruces
O BNG de Vila de Cruces dá a coñecer a tres integrantes máis da súa candidatura para as eleccións de maio. Eles son: Cristina Fernández, Javier González e Clara Santiso. O candidato Alex Fiuza agradece "o compromiso e traballo incansable da responsable Local Cristina Fernández, a cal foi un forte pilar para asentar un grupo de traballo estruturado e organizado durante estes catro anos. Tamén sinte un orgullo enorme pola grande labor no ámbito da igualdade e a educación que desenvolve Clara, coa que me sinto especialmente identificado xa que compartimos dúas paixóns, a educación e o deporte, en concreto a S.D.Cruces”. Fiuza tamén quere destacar a incorporación á candidatura de Javier González Budiño, "unha persoa cun fondo coñecemento do mundo gandeiro, que enriquece un proxecto pensado para as persoas e para un concello que precisa de ferramentas para poder explotar os seus recursos e potenciais".
Cristina Fernández Barros (número 4) ten 36 anos, reside en Vila de Cruces, leva 3 anos como responsable local da organización. Diplomada en logopedia, traballa como autónoma no seu centro especializado.
Concorre por segunda vez ás eleccións fomando parte da candidatura liderada por Álex Fiuza porque está convencida de que "Vila de Cruces debe ser un concello de referencia, e porque o BNG incrementará os servizos para mellorar o benestar da nosa veciñanza".
Javier González Budiño (número 6). Gandeiro nunha explotación de vacún de leite na
parroquia de Brandariz dende hai 20 anos. “Decidinme a presentar nas listas do BNG porque atopei cun grupo de xente nova que posúe un forte espírito de traballo, e que non queren que o noso rural pase a ser unha fotografía en branco e negro”.
Ten 57 anos, no seu día apostou por deixar a cidade para asentar a súa actividade laboral no rural. Aposta fortemente "pola reordenación do territorio, a rendibilidade da nosa terra pasa por aproveitar ao máximo os recursos que nos ofrece, sen necesidade de esquilmala nin arrasala, garantindo os servizos indispensabeis ás nosas parroquias, por isto, Vila de Cruces precisa un goberno do BNG".
Clara Santiso Rielo (número 7) ten 28 anos e é natural de Sabrexo. É Técnica Superior en Actividades Físicas e de Animación Deportivas, mestra de Educación Primaria coa mención en Educación Física. Actualmente, compaxina os seus estudos coa vida laboral como monitora de Ocio e Tempo Libre, forma parte do primeiro equipo sénior feminino da S.D.Cruces, ademais de ser adestradora da categoría feminina de fútbol 7 e membro da directiva.
“A forza que me impulsou para formar parte desta interesante viaxe como integrante do BNG, foi a esperanza que este proxecto deposita para a recuperación da viveza da nosa terra, e a necesidade crear propostas deportivas, pedagóxicas e culturais que fagan de Vila de Cruces sexa un lugar para querer vir e quedar. Considero que Vila de Cruces precisa das ás correctas que a fagan voar, e iso só é posible con Álex Fiuza á fronte.
Comments