A talla fora derribada e estaba á espera de ser arranxada polo Concello
Laura Moure/Agolada
Esta mañá procedeuse á colocación da talla do cruceiro na aldea de Cristín, en Borraxeiros (Agolada). Fai dous anos e medio que o Concello, daquelas dirixido polo popular Ramiro Varela, recollera do chan a imaxe. Esta fora derribada posiblemente por un camión que en labores de desbroce e mantemento das pistas, golpeara a talla, partindo o soporte de pedra co mantiña sobre o seu fuste, tal e como indica o veciño da localidade, Ángel Utrera.
Utrera foi unha das persoas máis interesadas en recuperar esta mostra do Patrimonio e en máis dunha ocasión interesouse polo seu arranxo e reivindicou a súa colocación canto antes. Hoxe en compañía do alcalde do municipio, Luís Calvo, entre outros, estivo presente na súa colocación. Tras conseguir os permisos de Patrimonio e despois dun longo recorrido recuperouse toda a policromía e actuación levouse a cabo con fondos propios.
O cruceiro de propiedade pública, érguese sobre unha plataforma cadrada de pedra. A base ten forma de tronco de pirámide coas arestas superiores rebaixadas. O fuste arranca de sección cadrada e logo desenvólvese en hexagonal ata o capitel. Este vai adornado con volutas e follas de acanto en todas as caras. A cruz de sección cilíndrica e con cartela amosa un Cristo de talla sinxela e pouco proporcionado anatomicamente e no reverso pode verse unha Virxe cun manto que aínda conserva restos de policromía. De todo isto fala Ángel Utrera no seu blog Ao pé do Farelo. Ademais, sinala que na base, gravado na pedra pódese ler con moita dificultade a lenda: "Recuerdo de Esteban Mendez Guerra, por sus obligaciones y por las ánimas, 1918.
Mestre Estevo
Porque, tal e como conta este veciño, a talla da Virxe e o Cristo, o fuste, e a base, esculpida en granito, foi realizada polo canteiro da zona Jose Coego Vilariño, de Eidián (Agolada), por encargo do coñecido como o mestre Estevo que o pagou, segundo algunhas informacións dos veciños. "Colaborou na súa colocación aínda que non puidemos averiguar os motivos que moveron a súa fabricación, quizais está entronque ou teña que ver cos traballos desenvolvidos por aquel, que entre outras ocupacións, facía de mediador, cambista e depositario entre os veciños, amigos e coñecidos emigrados en Cuba e outros lugares de América onde emigraban en busca de mellor fortuna, e os seus familiares na zona, ante os que facía de representante, collendo e entregando cartos por encargo daqueles. Algo similar os banqueiros e cambistas de antes", recalca Utrera.
Comentarios