top of page

Crespo crítica "o afán recaudatorio do Goberno central coa Lei Xeral das persoas con discapacidade"

O senador e alcalde de Lalín sinalou que "o Goberno impugnou o Plan de Choque de Dependencia e Discapacidade da Xunta, aínda que logo o replica coa súa lei, na que non recoñece os dereitos tributarios das persoas discapacitadas"


Ecos da Comarca/Deza

O senador do Grupo Parlamentario Popular e alcalde de Lalín, José Crespo, criticou duramente ao Goberno "polo seu afán recadatorio nun caso no que se prexudican a miles de persoas dependentes, tras a paralización do Plan de Choque de Dependencia e Discapacidade da Xunta que beneficiaba a 12.600 persoas": “O Goberno impugnou un sistema que se adopta noutros territorios e que el mesmo copia, iso si, sen recoñecerlle os dereitos tributarios”.

“A suspensión prexudicou ao redor de 3.000 persoas dependentes que viron suspendido o seu procedemento e víronse obrigadas a esperar por unha valoración que xa tiñan acreditada. Un atasco maiúsculo, provocado exclusivamente pola impugnación do Gobierno”, indica Crespo.


Incidiu en que o proxecto de lei está “feito de costas ás Comunidades Autónomas e dos concellos, que somos os que xestionamos”, e suxiriu que: “O seu ministerio debería impulsar políticas para unha sociedade máis xusta e inclusiva e está a facer xusto o contrario. Copien á Xunta e acertarán, aínda que recaden un pouquiño menos”.

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

Crespo exprésouse así no Pleno do Senado, tras preguntar ao ministro de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, Pablo Bustinduy, como valora que o Goberno, tras a impugnación da homologación automática entre dependencia e discapacidade aprobada pola Xunta de Galicia, posteriormente incorporase unha medida similar, pero sen recoñecerlle os efectos tributarios asociados.


O senador popular subliñou que o que o Goberno quere é “recadar o máximo e cando toca favorecer aos débiles, mira para outro lado”; lembrando que o procedemento da Xunta "mellorara a vida de miles de persoas, xa que eliminaba a burocracia e permitía recoñecer a discapacidade de xeito automático a quen xa tiñan recoñecida a dependencia".


"As contradiccións do Goberno"

Recalcou "a contradición do Gobierno ao decidir recorrer ante o Constitucional a norma galega, para máis tarde, replicalo na reforma da Lei Xeral das persoas con discapacidade e a súa inclusión social: O que pretenden é establecer unha homologación da discapacidade, pero sen asumir os descontos tributarios. É unha norma descafeinada. O Goberno non está a facer ben o seu traballo”, asevera.


“Sempre están a dar leccións e carnés de quen é ou non solidario, pero despois practican todo o contrario, tanto en temas como este, onde aos independentistas lle dan todo, aínda que iso supoña a maior afronta en solidariedade”, expuxo.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

O senador por Pontevedra explicou que o Plan de Choque da Xunta de Galicia produciu un aforro para as persoas dependentes e discapacitadas de máis de 114 millóns de euros, “que o Estado deixo de ingresar e que quedaron no peto das persoas vulnerables”.


Neste sentido, Crespo considera que o que pretende o Goberno aprobando o proxecto de lei é “presentarse como os grandes defensores das políticas sociais, pero en realidade o que busca é recadar por mor das persoas dependentes: “Unha vez máis, concédense dereitos que teñen que pagar outros. A política do ‘eu convido e ti pagas’. A esquerda neste país practica a política de ‘facer o que eu digo, pero non é o que eu fago’”.



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page