top of page

Cornado Mina Non acusa aos promotores da mina de "fomentar o conflito social tras a súa denegación"

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

O colectivo de Touro incide en que "o tempo lles dou a razón co rexeitamento dun proxecto que poñería en risco a vida de persoas e das actividades agrogandeiras"


Laura Moure/Touro

O colectivo Cornado Mina Non, un dos moitos grupos veciñais de Touro que amosaron o seu rexeitamento ao proxecto de megaminaría, sae ao paso dunha nota de prensa emitida pola autodenominada Asociación de mineros Touro- O Pino, "vinculada coa empresa promotora do fallido proxecto e dirixida por enxeñeiros e outro persoal do sector extractivista chegado dende diferentes partes da península". Neste comunicado os afíns á patronal mineira "solicitan un acordo entre a empresa promotora (sancionada múltiples veces por contaminación ambiental e con denuncias na fiscalía de Medio Ambiente) e a Xunta de Galicia para poñer en marcha un proxecto inviable e insostible segundo os técnicos da administración galega", tal e como sinala Cornado Mina Non.

Unhas das concentración de Cornado Mina Non.


O colectivo veciñal denuncia "a intencionalidade de crear conflito social e fragmentar a sociedade por parte desta asociación con comunicados nos que caricaturizan aos veciños e veciñas de Touro con frases como “algún ecologista de fin de semana” ou “aquí estamos en la edad del eucalipto y la vaquiña”. Sinala que dende o comezo do conflito "intentaron describir aos opositores do seu proxecto como persoas que van en contra do “progreso” e pouco formadas, ao mesmo tempo que adornaban un proxecto de megaminería con termos como sostibilidade. O engano e o malabarismo coas palabras foron a súa principal arma de persuasión. Entre os argumentos máis recorrentes que usaron estiveron a necesidade da explotación mineira para facer posible a “revolución verde”, e para iso usaron fragmentos de textos da Comisión Europea eliminando as partes que non lle interesaban", apunta. Así poñen como exemplo o seguinte argumento: “A Comisión Europea fixa entre os seus obxectivos fundamentais reducir o uso dos recursos a través do deseño de produtos sostibles e o emprego de materias primas secundarias (procedentes da reciclaxe e operacións de valorización)”.

Os veciños respóndenlle a este comunicado cunha petición de respecto e humildade, e aseguran que o tempo lles dou a razón coa denegación dun proxecto que "segundo os informes técnicos poñería en risco a vida de persoas e afectaría gravemente ás actividades agrogandeiras que caracterizan a zona". Recordan que o rexeitamento do proxecto por parte da sociedade galega, da comunidade científica e dos técnicos que avaliaron o proxecto demostra "que son aqueles que o defenden os que buscan o peche de negocios e o silencio dun concello que conta cun sector agroalimentario recoñecido a nivel internacional e cun elevado potencial para actividades turísticas e industriais respectuosas co medio ambiente".


Defensores dun negocio particular, non do emprego

O colectivo veciñal remata o seu comunicado con varias preguntas abertas. "Como pode ser que aqueles que enarbolan a bandeira do emprego só defendan os intereses dos seus xefes? Por que motivo non esixen a restauración íntegra dos terreos e os ríos afectados con man de obra local? De que mineiros falan nun concello no que as xeracións posteriores ao ano 1986 non recordan outro cousa que non fose os ríos máis contaminados de Galicia?".

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

ILUMINADOS

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page