top of page

Cornado Mina Non: "A autoridade municipal permitiu edificar unha gardería en terreos contaminados"

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

Esta plataforma veciñal esixirá responsabilidades aos responsables públicos desta "desfeita"


Ecos da Comarca/Touro

A Plataforma Veciñal Cornado Mina Non acusa ao alcaldde de Touro, o popular Ignacio Codesido, de permitir edificar "unha gardería en terreos contaminados pola antiga mina de Touro" e pedirá responsabilidades desta "desfeita".


"Favoreceu a recalificación urbanística duns terreos da empresa propietaria, Explotaciones Gallegas S.L., impulsando a creación dunha zona dotacional pública ao carón dunha das balsas mineiras e no ámbito por onde pasaba o antiga canle perimetral de augas residuais da explotación. Ademais dun Punto de Atención a Infancia (P.A.I.) inaugurado en 2016, feito máis que problemático debido á curta idade das nenas e nenos asistentes", sinala. E engade que "todo comenzou coa instalación dun campo de fútbol en 1994 que ao ano seguinte derivou en entulleira municipal, instalacións ambas que co tempo foro substituídas na mesma área por unha piscina, unha pista de tenis e outra de futbito, un aparcadoiro de autocaravanas, un invernadoiro, unha área recreativa, a Casa da Cultura, o edificio de Protección Civil e unha residencia da terceira idade".

E considera que "se xa de por si isto xa sería bastante grave, ao atoparse esta zona dotacional pública en plena área mineira, a carón dunha das balsas máis contaminadas -e contaminantes- como é a do Portapego e sobre a canle perimetral que recollía augas residuais da antiga explotación, no enclave instalouse o Centro de Interpretación do río Ulla, un parque infantil e un parque “biosaudable”".


Así mesmo, Cornado Mina non sinala que aínda a día de hoxe, a escasos metros da gardería e do resto das infraestruturas públicas alí situadas "atópanse diversas canles e surxencias de augas hiperacedas ricas en metais pesados procedentes dos terreos da mina que poden no seu conxunto considerarse coma un desastre ambiental que está a ter un impacto negativo directo sobre a contorna e a saúde da poboación".


Participación da Xunta

O máis grave, sen embargo, tal e como apunta esta plataforma, "non é só a recalificación e uso urbanístico duns terreos mineiros en semellantes circunstancias, senón que a Xunta de

Galicia, a través da exconselleira Beatriz Mato participase dende a Consellería de Traballo e Benestar Social achegando finalmente 135.000 euros para a instalación dun Punto de Atención á Infancia de 20 prazas. Fose por descoñecimento ou por falta de competencia no seu traballo, non é aceptable que a Administración galega colabore nun proxecto situado nunha área situada a escasa distancia dalgunha das canles fluviais máis contaminadas de Galicia".


A Plataforma veciñal Cornado Mina non recorda que segundo os propios datos da Organización Mundial da Saúde (OMS) "a contaminación ten un custe inasumible para a saúde da infancia e que as nenas e nenos están máis expostos a este problema aínda máis que os adultos xa que pode afectar ao seu desenvolvemento futuro".


Recalca que no marco dos Obxectivo de Desenvolvemento Sostible, a OMS leva anos

instando ás autoridades a nivel local, rexional e nacional a alcanzar unha serie de metas orientadas a mellorar a contorna en materia de hixiene a fin de poñer fin aos riscos que ameazan á infancia, garantindo unha vida sana e promovendo o seu benestar o cal, "á vista das circunstancias que se están a vivir en Touro, é incompatible coa actividade dependente da minería metálica".


Por este motivo, Cornado Mina Non pide unha investigación do caso e anuncia que esixirá responsabilidades aos responsables públicos desta desfeita "que vén a confirmar que o legado da mina de Touro, tanto onte co proxecto de Riotinto Patiño como hoxe coa iniciativa de Cobre San Rafael e Atalaya Mining non pode asumirse nin dende o ámbito social nin no plano ambiental".

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page