Demanda a renovación do asfaltado, o ancheamento da vía e a habilitación de cunetas practicables
Ecos da Comarca/Palas de Rei
O Grupo Provincial do PP esixe ao goberno da Deputación de Lugo a renovación do asfalto da vía LU-P-4001 que comunica Pedraza con Coto no municipio de Palas de Rei, o seu ancheamento e a habilitación de cunetas practicables para que se poida camiñar polas marxes garantindo a seguridade dos peóns e peregrinos na zona que conflúe co Camiño de Santiago no límite de provincia. Os populares propoñen incluso, se houbera dispoñibilidade, habilitar un un sendeiro independente pola marxe da estrada.
O portavoz provincial, Antonio Ameijide -que visitou o municipio xunto á viceportavoz, Carmen José López, e o alcalde, Pablo Taboada- sinala que “conforme visitamos a provincia, cada vez temos máis claro que para José Tomé, PSOE e BNG hai concellos de primeira, de segunda ou ata de terceira categoría en función da afinidade persoal que teña o presidente cos alcaldes ou alcaldesas de cada municipio”.
“Un exemplo moi claro é Palas de Rei. Cando estivemos visitando estes días co alcalde, vimos o estado calamitoso desta vía provincial para os vehículos, pero especialmente perigoso para os peóns e peregrinos no punto que conflúe co Camiño Francés”, explica o portavoz do PP na Deputación.
Publicidade
“A afluencia de peregrinos polas distintas rutas da provincia cada vez é maior. Polo tanto, débense extremar as medidas de seguridade e tamén procurar ofrecer unha boa imaxe aos peregrinos”. Nese sentido, Ameijide considera que “non é de recibo que en Palas de Rei, unha zona con moito volume de peregrinos, estea a vía neste estado lamentable de conservación”.
Publicidade
Os populares comprobaron in situ que a calzada se vai erosionando polos bordes e facéndose máis estreita, non hai cunetas acondicionadas e, polo tanto, cada vez redúcese máis o espazo que comparten vehículos e peóns; o que constitúe “un perigo” para os veciños e peregrinos. Igualmente, “a falta de anchura suficiente da calzada non permite o cruce de dous coches sen ter que apartar cara ás marxes”.
Comments