E promoverá a reurbanización de Fonte Díaz
Laura Moure/Touro
Movemento Veciñal Touro facilitará a reconversión de baixos baleiros en vivendas e promoverá a reurbanización de Fonte Díaz
O equipo liderado por Roberto Castro Rocamonde dará solucións á problemática que supón a falta de vivenda no concello. "A pesares de haber un montón de inmobles baleiros, Touro sofre unha carencia de vivenda. Faremos unha modificación da normativa municipal para que se poidan adecuar os baixos ao uso de vivenda, e se poida construír vivenda unifamiliar no núcleo urbano de Fonte Díaz (algo prohibido na actualidade polo plan urbanístico aprobado polo goberno municipal)", explica.
Así mesmo sinala que "buscaremos a colaboración doutras administracións para poñer vivenda pública a un prezo asequible a disposición da veciñanza, evitando que a xente se vexa obrigada a marchar a municipios veciños como Sigüeiro, Arzúa, O Pino...".
Proxecto consensuado
"O núcleo da Fonte Díaz precisa dunha reurbanización integral a través dun proxecto público e consensuado coa veciñanza; supresión das beirarrúas e creación dunha plataforma a un único nivel mellorando a accesibilidade aos locais e portais; instalación de mobiliario urbano (bancos, pérgolas, axardinamento, espazos de xogo, plaza central) de maneira que faciliten a convivencia e o esparexemento da xente. Nesta lexislatura comezaremos o cambio de cara para converter o núcleo urbano do concello nun espazo máis habitable, ao mesmo tempo que se incremente o valor das vivendas", recalca.
Comentarios