O PSOE de Lalín denuncia "contratos irregulares por máis de 11 millóns de euros"
- ecosdacomarca
- 16 abr 2023
- 2 Min. de lectura
"Os reparos suspensivos de facturas son un escándalo económico e legal de primeira magnitude”, asegura
Ecos da Comarca/Rodeiro
O PSdeG-PSOE de Lalín denuncia que "o alcalde, José Crespo, e o seu Goberno levantaron reparos suspensivos por un total de 11.271.405,13 euros desde o 1 de xaneiro de 2022 ata a actualidade por contratos que a Intervención Municipal considerou que non se axustaban aos requisitos legais". Así afirman que Crespo "pagou por riba dos criterios dos funcionarios municipais un total de 4.355 facturas nos últimos 3 anos e medio".

Os socialistas consideran que "se trata dun escándalo continuado e de proporción maiúsculas que pode ter consecuenciais penais, pois si ben pode entenderse que algunas facturas por vencemento de contratos poidan pagarse con reparos durante un tempo non son xustificables aquelas que agochan arbitrariedade, nas que se saltan os procedementos de contratación ou nas que se benefician a afíns con contratos menores de obra ou de servizos de xeito sucesivo".
Desde o PSOE sinalan que “non imos ir correndo á Garda Civil, como acostumaba a facer Crespo para tratar de influir mezquinamente nas eleccións, aínda que todo o que denunciou fora falso ben sexa directamente ou a través de afiliados do PP”.
Así os socialistas prefiren esperar a enviarllo á Fiscalía cando non teña influencia política inmediata e sinalan que “tendo a contabilidade que temos entre mans non podemos quedarnos mirando cando se fai este uso dos cartos públicos”
Desde o PSOE local remarcan que “ter todos estes datos so foi posible polo traballo continuado e minucioso do Grupo Municipal e de compañeiros que ían recollendo todas as facturas reparadas” e afirman que “atopamos como moitos dos contratos de obras ou servizos foron feitos directamente a afíns do PP” . “É moi sospeitoso que despois de que facer un contrato irregular segundo a Interveción municipal o alcalde levantaba o reparo e ao pouco o contratado aparecerá facéndose fotos en actos do PP”.
O PSdeG-PSOE de Lalín afirma que hai moitos exemplos sinalables "como o de 3 contratos de obras ao límite máximo do que permite o contrato menor de obras (39.000 euros cada contrato sen IVE) ao mesmo contratista nun mes". Para os socialistas o máis significativo é "que tan só dous meses despois ese contratista aparece en fotos de apoio ao PP deixando en evidencia o tipo de transacción fraudulenta cara as arcas públicas tramada por Crespo”.
Comments