“Reformaremos os baixos do ambulatorio para convertelo neste centro, crearemos a APP MOVÉMONOS e renovaremos a concesión das escolas deportivas”, sinala Fiuza
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O BNG de Vila de Cruces creará a APP MOVÉMONOS, unha aplicación para facilitar a reserva de pistas deportivas: padel, pavillón, sesións de ximnasio, escolas deportivas e información de eventos e cursos. Nesta aplicación tamén se facilitará o pago de cotas das distintas actividades, con bonificacións para familias.
"A licitación do contrato de escolas deportivas e mantemento de instalacións é unha prioridade, xa que permanece en prórroga tácita dende o 2015, na que se incluirá unha ampliación do horario de apertura do ximnasio municipal, co fin de ofrecer o servizo tamén en horario de mañá", sinala.
Acometerá unha reforma integral dos baixos do centro de saúde, que son dependencia municipal, para destinar toda a planta baixa ao “CENTRO DE SAÚDE E DEPORTE”, ampliando espazo para o club de Loita Keltoi e de Kung fu Zen, que tantos éxitos están acadando. Así como a modernizar e ampliar o ximnasio municipal, con salas multiusos máis amplas, oficinas para os clubs, e mellor accesibilidade, acondicionando a zona de aparcamento xunto ao centro de saúde.
O candidato do BNG, Álex Fiuza, comprométese a mellorar as instalacións deportivas, como as piscinas municipais, a renovación do vaso grande, mellorar o vaso infantil con elementos de xogo como tobogáns, que fagan máis atractivo este espazo de ocio, "pero sobre todo máis seguro, accesible e sostible xa que as filtracións constantes e deterioro das paredes obriga á empresa de mantemento a reencher a piscina todos os días".
Comments