top of page

Silleda volve saír á rúa por Palestina


Ecos da Comarca/Deza

Un luns máis xente saíu á rúa en varias localidades galegas en apoio a Palestina. Na comarca de Deza houbo unha concentración en Silleda.


Leuse o seguinte manifesto:

Compañeiras, compañeiros:

Unha semana máis temos que nos encontrar nas rúas. Sabemos do complicado das datas, pero estamos a nos mobilizar contra un xenocidio en curso e contra a normalización deste tipo particular de fascismo que é o facismo sionista.


Publicidade

Despois da tregua, tal como temíamos e denunciamos a semana pasada, Israel volta bombardear poboación civil de maneira indiscriminada, deixando xa tantas novas vítimas mortais como crianzas e mulleres tivo que liberar dos seus cárceres na última semana. Por iso continuamos nas rúas.


Porque alén do boicote, que é o máis inmediato que podemos facer, coas nosas propias mans, necesitamos facer a nosa parte para obrigar quen nos goberna a promover políticas de sancións e desinvestimentos e abandonar a equidistancia e a parsimonia.


De novo, temos que denunciar a Unión Europea, que xa non se fotografa máis do lado de Netanyahu, mais que, de acordo cos lobbies sionistas que se teñen feito fortes nas principais potencias imperialistas, continúa a invocar o dereito do agresor á defensa e se limita a pedir proporcionalidade. A Unión Europea, cuxos principais membros tentaron impedir ou limitar a solidariedade coa causa da Palestina, non ten leximitidade ningunha para representar a posición dos pobos da Europa.


Publicidade

Temos que denunciar tamén o Estado español, que pretende mostrarse independente a través das calculadas palabras de Pedro Sánchez ao mesmo tempo que asina novos contratos militares con Elbit Systems, unha das máis poderosas empresas do complexo militar israelita, e das mais manchadas de sangue. De que serve “sospeitar” que Israel non cumpre co dereito internacional e o dereito humanitario na Faixa de Gaza se o goberno aínda non deu ningún paso para recoñecer o estado palestino?

Temos que denunciar o goberno galego, que continúa empeñado en que o que se pasa no mundo non vai consigo, mentres protexe e privilexia acordos comerciais co capital israelita, agochando a ollos das galegas e dos galegos as súas vergoñentas misións comerciais a Israel.


E non podemos esquecer denunciar os concellos galegos que se manteñen dentro da rede de xudarías que Israel emprega para inocular propaganda sionista; ou os que, como o de Vigo, impiden sequera que se debata unha declaración institucional para condenar o xenocidio. Dicímolo máis unha vez: provocar mudanzas nos nosos gobernos é a nosa

responsabilidade e a nosa maneira de combater Israel. É para iso que son estas convocatorias, que hoxe xuntan 27 localidades na Galiza.


Publicidade

Desde todas elas, e desde outros millares de mobilizacións polo mundo adiante, esiximos a eses gobernantes que se movan dunha vez. Que deixen a falsa e calculada lamentación dos discursos e que actúen claramente contra o agresor. Todos os acordos con Israel, coas súas empresas e coas súas institucións manchadas de sangue palestino, deben ser deitados ao lixo. O rexime sionista debe ser sancionado. Os seus responsábeis políticos deben ser perseguidos, xulgados e condenados por crimes de guerra e contra a humanidade, e pagar as consecuencias.


A agresión permanente, quer en forma de bombardeamentos indiscriminados, quer en forma de ataques de colonos, quer en forma de apartheid, debe ser detida, mesmo pola forza se for necesario. E o Estado palestino debe ser recoñecido inmediatamente, facendo valer o dereito de autodeterminación dos pobos. Estas son as nosas reclamacións. Son tamén as do insubornábel pobo palestino, que, resistíndose a unha nova Nakba que deixe Gaza en mans do sionismo, está a desvendar o verdadeiro rostro de Israel, a mostrar a súa esencia imperialista, e a retratar a vergonha da autoproclamada comunidade internacional.

Palestina non se rende. E os pobos do mundo non calaremos. Continuemos co boicote activo a Israel. Continuemos sinalando os responsábeis políticos e os gobernos.


Continuemos acudindo aos actos e convocatorias da solidariedade. E non deixemos nunca de falar da Palestina. Do río ao mar, Palestina Vencerá!


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page