Rafael Cuiña impulsará un consello asesor de alcaldes de barrio para concertar inversións no rural
- ecosdacomarca
- 19 mar 2023
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Lalín
O candidato de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, anunciou que levará no seu programa electoral a creación dun Consello Asesor do Rural, que estaría composto por alcaldes e alcaldesas de barrio e representantes municipais para aumentar a participación cidadá no concello e impulsar a toma de acordos e decisións nas parroquias de Lalín.
Cando se veñen de cumprir sete anos do inicio das primeiras eleccións democráticas para escoller aos representantes das parroquias -activadas por Compromiso por Lalín no anterior mandato- Cuiña considera que cómpre avanzar nese modelo de fortalecemento das estruturas de participación veciñal.

Fronte a isto, lamenta que o Partido Popular decidise “deixar de lado ese proceso exemplar para regresar a vellas prácticas de control partidista das aldeas”. “Durante este mandato houbo casos nos que o PP decidiu ignorar aos alcaldes de barrio aos que non consideraba afíns e trasladar ese papel a membros do PP, que eran ao final os que facían de enlace co goberno, sen lexitimidade administrativa para facelo”, relata.
Cuiña explica que este Consello estaría composto polos alcaldes e alcaldesas de todas as parroquias, que se reunirían cando menos con periodicidade anual -e de maneira previa á elaboración dos orzamentos municipais- para analizar e discutir necesidades, propostas e iniciativas para o desenvolvemento do rural.
As súas opinións terían “un papel fundamental para definir o destino de parte dos orzamentos do Concello e establecer un cronograma de actuacións en materia de saneamento, pistas e outras cuestións”.
O candidato de CxL di que a creación deste Consello Asesor do Rural é unha aposta clara por “darlle voz ao rural e fomentar a participación cidadá, xa que permitiría ás parroquias ter un papel activo nas decisións municipais a través dos seus representantes”.
Tamén permitiría un maior achegamento entre o Concello e a veciñanza, propiciando unha maior comprensión das necesidades e realidades de cada parroquia, e unha maior transparencia e eficiencia na xestión dos recursos públicos.
“A súa existencia asegurará que os intereses e necesidades das aldeas e parroquias sexan tidos en conta nas decisións municipais, independentemente de quen goberne en cada momento”, conclúe Cuiña.
Kommentare