top of page

Aberto o prazo de inscrición para participar na Escola de Verán do Pino

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

Está dirixido a nenos de 3 a 12 anos


Laura Moure/O Pino

O Concello do Pino abriu a inscrición na Escola de Verán, que na súa edición de 2023 oferta 90 prazas en xullo, 70 en agosto e 50 en xuño e setembro para cubrir as necesidades de conciliación das familias do municipio.


O programa está dirixido a nenas e nenos de 3 a 12 anos e realizarase en seis quendas entre o 22 de xuño e o 8 de setembro. O prazo para anotarse finaliza o 19 de xuño.

A Escola de Verán 2023 contempla un total de seis quendas, adaptadas ao calendario escolar: do 22 ao 30 de xuño, a primeira quincena de xullo, a do 17 ao 31 de xullo, do 1 ao 14 de agosto, a segunda quincena de agosto e, ao fin, do 1 ao 8 de setembro.


A actividade realizarase no pavillón municipal de Reboredo e nos exteriores do CPI Camiño de Santiago entre as 8:00 e as 15:00 horas, agás en días festivos, nos que non se ofertará o servizo.


O prezo

O prezo da Escola de Verán é de 20 euros a quincena en xullo e agosto (40 € o mes completo) e de 10 euros as quendas de xuño e setembro. As familias numerosas terán un desconto do 20% a partir do segundo fillo, presentando o título de familia numerosa.


A data límite para inscribirse na Escola de Verán 2023 é o luns 19 de xuño. A solicitude de admisión realizarase mediante a ficha de inscrición, que pode descargarse na páxina web municipal ou recollela nas dependencias municipais en horario de 9:00 a 14:00 horas.


Unha vez cumprimentada a ficha de inscrición presentarase na sede electrónica para o seu rexistro ou no propio Concello, xunto coa instancia que tamén se pode descargar na web municipal e co resto de documentación que sinalan as bases.

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

No caso de que as solicitudes superen a dispoñibilidade de prazas, primaranse os seguintes criterios: empadroamento (cun mínimo de 3 meses de antigüidade); o criterio técnico das profesionais dos Servizos Sociais, en situacións especiais; familias monoparentais e monomarentais e unidades familiares con cargas nos coidados; menores escolarizados no concello do Pino; que o pai, nai ou titor legal traballe no termo municipal; e participantes que estean gozando das súas vacacións no Pino. Os solicitantes non admitidos pasarán a formar parte dunha lista de agarda. No caso de que varios irmáns presenten a solicitude para a mesma quenda, a admisión dun deles suporá a admisión dos demais.

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

As cotas pagaranse unha vez que se saiba que o solicitante conta con praza, logo da publicación das listaxes de persoas admitidas no taboleiro de edictos e na páxina web do Concello. Nesta lista figurará a cantidade a abonar, xunto ás datas de asistencia. Unha vez efectuado o pago en ABANCA ES70 2080 0337 1131 1000 0078, presentarase o xustificante ben nas dependencias do Concello ou ben a través da sede electrónica antes do 23 de xuño.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page