Dende o pasado 3 de maio, uns 40 veciños acudiron ao Acquaform para desfrutar das augas termais do balneario de Cuntis
Laura Moure/O Pino
A concelleira de Cultura do Pino, Eva Varela, despediu este mércores aos maiores do Pino que este ano desfrutaron do programa Vai de Auga. A iniciativa do Concello permitiu nesta nova edición que corenta veciños e veciñas do municipio acudisen ao Acquaform para gozar ata cinco sesións nas augas termais deste balneario de Cuntis.
Todos os mércores, entre o 3 de maio ata este 7 de xuño, a veciñanza do Pino puido beneficiarse deste programa que une as vantaxes terapéuticas das augas termais coa oportunidade de estreitar lazos e socializar.
Así o reafirmaban onte os participantes, que subliñaban as virtudes das sesións no balneario para moitas das súas doenzas, ao tempo que lles serviu de pulo cara unha vida un pouco máis activa. “Eu estou operada dunha cadeira, teño unha prótese, e non facía exercicio. Agora as augas quentes estanme a axudar moito, podo moverme e estou feliz”, afirmaba unha das usuarias. “Ata nos cambiou o carácter, estamos máis contentas”, engadían outras veciñas ilusionadas xa de cara á próxima edición.
O Concello do Pino sufragou o autobús ata o Acquaform e as persoas participantes aboaron 70 euros polas cinco sesións que desfrutaron.
Comentários