Diríxense a persoas que non teñan título da ESO ou Bacharelato e desexen cursar certificados profesionais que inclúen como requisito esa formación
Ecos da Comarca/Xeral
A Xunta convoca hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) as probas de avaliación en competencias clave para que as persoas que non posúen a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) ou o Bacharelato poidan acreditar os seus coñecementos, acceder á formación para o emprego e cursar os certificados profesionais que requiren deses requisitos académicos.
O Goberno galego estima que unhas 4.000 persoas poidan acceder á convocatoria 2024, na que se valorarán as competencias das persoas participantes en matemáticas, lingua castelá, lingua galega e inglés.
Publicidade
A presentación de solicitudes será desde mañá ata o vindeiro 15 de febreiro e pode realizarse a través da Sede Electrónica da Xunta (código de procedemento TR306A). Está previsto que os exames teñan lugar nos meses de xuño e outubro, previsiblemente nas segundas quincenas. Son dous datas porque nesta edición, como novidade, ofrécese a oportunidade aos participantes de presentarse dúas veces ao longo de 2024 ás probas, xa que prevé a realización dunha proba adicional para todas aquelas persoas inscritas inicialmente que se presenten á primeira oportunidade prevista para o mes de xuño, e que como resultado da mesma lles quede pendente de superar algunha competencia na que se inscribiron.
Publicidade
A realización de dúas probas permitiralles o completar a superación de todas as competencias clave sen necesidade de ter que esperar a unha nova convocatoria, o que se traduce en dúas oportunidades de acadar cada competencia clave cunha única inscrición.
O Goberno galego convoca estas avaliacións co obxectivo de facilitar que as persoas traballadoras galegas poidan acceder ás accións formativas dos certificados profesionais de nivel 2 e 3, que requiren estar en posesión de titulacións mínimas ou ter as competencias clave necesarias. Para acadalas, ademais de facer as probas que hoxe se convocan, as persoas interesadas tamén poden realizar cursos de formación específicos. Para os certificados de nivel 1, pola contra, non existen condicionantes académicos nin laborais.
Publicidade
Con estas medidas a Xunta trata de favorecer o acceso á cualificación profesional de galegos e galegas, sen que a súa formación académica previa poida resultar un impedimento á hora de incrementar as súas opcións laborais no futuro.
Co obxecto de facilitar a preparación á proba, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ten a disposición no Campus Virtual de Emprego, contidos formativos, probas e un servizo de titoría, de xeito que as persoas que o desexen, ao seu ritmo en modo autoformación, poidan prepararse para concorrer a estas probas. Pódese acceder través da seguinte ligazón: https://empregoeigualdade.xunta.gal/formacion/competencias-clave/autoformacion-campus-virtual.
Comments