Os traballos poden presentarse ata o 30 de xuño e o gañador obterá 1.500 euros
Laura Moure
Arranca unha nova edición do Concurso Balbino de Relatos, que xa cumpre o seu sexto ano. O prazo para presentar os orixinais remata o 30 de xuño de 2021. Debido ás limitacións de mobilidade non haberá presentación presencial como era habitual.
O orixinal deberá cumprir unha serie de requisitos formais que se poden consultar en www.concursobalbino.com entre os que destacan ter unha extensión de entre 100.000 e 180.000 caracteres, estar escrito en galego e xirar en torno a unha temática vinculada co rural, con mar ou ca emigración.
Poden presentarse por correo electrónico ao enderezo concursobalbino@gmail.com en formato PDF e desde un correo onde non se identifique á persoa autora do texto. E tamén se poden presentar cinco copias impresas en papel debidamente encadernadas e con dous sobres onde debe figurar o lema e título e noutro deben aparecer todos os datos da persoa autora do texto.
A obra gañadora será elixida por un xuado profesional de recoñecido prestixio que dará o fallo en setembro e o agraciado recibirá un premio económico por valor de 1.500 euros e a obra será publicada por Edicións Fervenza.
Cabe recordar que as entidades colaboradoras deste premio, que leva o nome do protagonista da obra tan coñecida Memorias dun neno labrego, do célebre escritor cruceño Xosé Neira Vilas, son a Xunta, a Diputación de Pontevedra, os Concellos de Boqueixón, Silleda e Vila de Cruces, a Fundación Xosé Neira Vilas e Edicións Fervenza.
Comments