Continua en agosto a oferta lúdica e de conciliación de Lalín cos campamentos multiaventura
- Laura Moure

- 14 ago 2023
- 1 min de lectura
Ao igual que todos os campamentos municipais son de carácter gratuito e contan con todas as prazas cubertas
Laura Moure/Lalín
O goberno lalinense, a través da Concellería de Xuventude que dirixe Avelino Souto, continúa desenvolvendo a súa oferta lúdica e de conciliación para este verán co arranque na segunda quincena de agosto de dous campamentos multiaventura, gratuítos -ao igual que o conxunto da oferta de campamentos municipais- e coa totalidade das prazas cubertas, nos que tomarán parte 70 rapaces/as.
O campamento Carballos desenvolverase entre o 16 e o 22 de agosto e nel participarán 40 nenos/as de entre 9 e 12 anos, mentres que o campamento Castiñeiros, para 30 mozos/as de entre 13 e 17 anos, terá lugar do 25 ao 31 de agosto.

Os dous campamentos centralizaranse no albergue municipal “Vicente Agulló”, se ben o de Carballos será de xornada completa pero sen durmida. A fin de explicarlles o programa de actividades e os horarios previstos, a Concellería de Xuventude desenvolveu na tarde de onte unha reunión informativa para todas as familias dos rapaces/as inscritos nestes dous campamentos multiaventura nos que estarán acompañados por monitores lalinenses.
Publicidade
As actividades propostas son moi variadas e van desde iniciación á hípica, láser tag, piragüismo, percorridos aéreos, excursións á praia e ao aquapark de Cerceda para o grupo Carballos. Pola súa parte o equipo Castiñeiros tomará parte en actividades de hípica, piragüismo, excursións á praia, ás fragas do Eume e ao aquapark de Cerceda, entre outras.
No encontro tamén se lle expuxeron as normas básicas de convivencia, o material necesario para asistir así como a roupa recomendable, ao tempo que se resolveron todas as dúbidas plantexadas polas familias.







Comentarios