Continúa hoxe en Arzúa a programación do 25 N cun faladoiro sobre xénero e saúde mental
- Laura Moure
- 30 nov 2024
- 2 Min. de lectura
Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa continúa coa súa programación en torno ao 25 de novembro, Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres, acollendo hoxe, sábado 30 de novembro, o faladoiro sobre xénero e saúde mental “As discordantes” e a proxección da película “Todas as mulleres que coñezo”.
As discordantes, faladoiro que acollerá a Casa das Mulleres de Arzúa hoxe ás 10:30, pretende abrir un espazo de debate e reflexión arredor do xénero e a saúde mental. As representacións que destes temas se fan no ámbito cultural non axudan á hora de amosar as realidades que hai detrás dun diagnóstico de patoloxía mental, máis se se é muller. O obxectivo do faladoiro é ofrecer un ámbito de información e escoita activa as persoas asistentes, sen caer nos maniqueísmos nin na estigmatización.

Coordinado por Antía Yáñez, autora de Non penses nun elefante rosa, onde aborda a saúde mental cun toque de humor negro, as relatoras ofrecerán as súas visións e experiencias no ámbito da literatura, a comunicación e a saúde. As profesionais que a acompañarán no faladoiro serán a xornalista Cláudia Morán e a psicóloga clínica Rosa Cerqueiro.
Cláudia Morán (A Coruña, 1990) é xornalista e ten un mestrado en Xornalismo Especializado en Relacións Internacionais. Traballou en Cope Barcelona, Radio Coruña-Cadena Ser, a delegación da Axencia Efe en Bruxelas e La Voz de Galicia. Foi coordinadora da Revista Luzes, onde forma parte do comité de redacción. Actualmente colabora en distintos medios e escribe unha columna semanal no xornal Nós Diario. O seu traballo xornalístico pon o foco na temática social, cultural e de xénero. É integrante de Xornalistas Galegas, plataforma en defensa dun xornalismo con perspectiva feminista.
Rosa Cerqueiro (Marín, 1973) é psicóloga clínica no Servizo Galego de Saúde e na actualidade exerce no Hospital Psiquiátrico de Conxo de Santiago de Compostela). É membro da coordinadora do Movemento Galego de Saúde Mental desde os seus inicios en 2014, unha plataforma cidadá en defensa dos dereitos das persoas con diagnóstico psiquiátrico. Tamén participa en labores de divulgación en saúde mental en diversos foros e medios de comunicación, e colabora mensualmente co xornal Nós Diario con artigos de análise.
Antía Yáñez (Burela, 1991) é enxeñeira de Camiños, Canles e Portos, pero na actualidade dedícase á escrita e a actividades de dinamización da lectura para todas as idades. As súas obras mereceron galardóns como o Premio Fina Casalderrey de literatura infantil pola igualdade ou o Premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade. Forma parte do comité de redacción da revista Luzes e cos seus traballos xornalísticos gañou o premio As mulleres que opinan son perigosas, entre outros.
Publicidade
Continúa o ciclo de CIMnema Circulante
Este ciclo de cinema social e galego que leva historias comprometidas ás parroquias de Arzúa, como parte da campaña «Que a vergoña sexa deles», fará unha nova parada coa película “Tódalas mulleres que coñezo”, unha conversa íntima sobre as experiencias das mulleres no mundo actual dirixida por Xiana do Teixeiro. Será o sábado 30 de novembro ás 19:00 horas no Local Social de Oíns.
Comments