
Contigo Silleda denuncia "falta de sinalización e seguridade nas obras da nova rotonda en Silleda"
Ecos da Comarca/Silleda
O presidente de Contigo Silleda, Julio Ramos, asegura "que dous operarios da empresa Marconsa, adxudicataria das obras de execución da nova rotonda á altura do Cemiterio e A Carballeira das Pedrosas, comezaron a demoler o aglomerado na marxe dereita do acceso á rúa Chousa Nova, desde a EP 7201, ocupando completamente o paso de peóns e parte do carril de circulación vehicular, sen a correspondente sinalización, nin da zona afectada, nin das obras en xeral".

Ademais, esta formación acusa ao goberno local de Silleda de seguir "empezando a casa polo tellado, cando levan media obra realizada colocan os sinais e as vallas. Que desastre! Comezan as obras sen colocar a sinalización correspondente en cada un dos catro viarios que estarán afectados polas obras, só colocaron tres sinales en dous dos viais que cruzan a zona afectada, amarradas aos farois. Están a demoler o asfalto do paso elevado que cruza a EP 7201, sen valado de seguridade, nin sinais informativas de perigo por desprendementos. A sinalización non cumpre a normativa", subliña Ramos.
Contigo Silleda, solicita ao executivo a “paralización das obras ata que se acondicionen adecuadamente para comezar os traballos. De continuar coas chapuzas reincidentes valoraremos a posibilidade de denunciar as irregularidades ante a administración que corresponda".