Ecos da Comarca/Silleda
“A desatención e o pasotismo do goberno local de Silleda acaba nos tribunais”, recalca Contigo Silleda. O presidente desta formación, Julio Ramos, presentou a correspondente denuncia ante o destacamento da Garda Civil de Silleda, "polo estado de insalubridade" dun camiño público. Indica que no mes de setembro de 2021, o Concello de Silleda, realiza a talla de árbores nun camiño público no lugar de Corrospedriños. "Unha parte dos restos arbolarios, deixáronos amontoados no trazado do camiño, e outros restos deixáronos amontoados nunha leira de titularidade privada. O estado do camiño e os restos de ramas deixados na leira están a impedir, tanto poder acceder á parcela, como dispoñer do terreo", asegura.

Pasados oito meses, segundo Contigo Silleda, todo continua igual. "Desde o ano 2016, levaba reclamando a limpeza do camiño", recalca Ramos quen considera que "os restos arbolarios son altamente inflamables, xerando cheiros desagradables, independentemente dos residuos formados pola diversidade de elementos depositados no camiño. Estes supoñen un impacto medio ambiental considerable, un foco de infeccións, un criadeiro e hábitat perfecto para toda clase de bichería, que logo acceden ás zonas comúns das vivendas. O abandono de responsabilidades de funcións públicas por parte do goberno local de Silleda, está a ocasionar prexuízos á veciñanza. O Concello actúa segundo os seus intereses", denuncia Contigo Silleda.
Comments