Insta ao goberno local de dar explicacións "por non facerse as reparacións dos traballos que quedaron rotos e que suporá unha considerable suma económica"
Laura Moure/Silleda
O presidente de Contigo Silleda, Julio Ramos, comprobou estes días que os servizos de obras do Concello de Silleda están a realizar os traballos de demolición, reparación de roturas nas beirarrúas, e neste caso lousas de cachotería que están rotas e que viña denunciando desde antes da inauguración das obras de Humanización da Rúa Chousa Nova en Silleda. "Pódese comprobar que o espesor do morteiro utilizado non supera os tres centímetros, area compacta sen apenas cemento para obter unha mistura consistente e o 50% das lousas do pavimento en cachotería están rotas ou con gretas. Obras que hai pouco máis dun ano o goberno local inauguro e deu o visto e prace no actual estado e sen pedir responsabilidade algunha", critica.
Ramos solicitou recentemente o certificado do control de calidades dos materiais empregados nas obras, do mesmo xeito que a reparación das restantes roturas existentes e a compensación dos danos co aval definitivo das obras. "A demolición e reparación dos traballos que quedaron rotos supoñerán unha considerable suma económica, que xa foi abonados pola execución dos mesmos traballos. A administración local garda silencio", apunta.
Contigo Silleda insta ao executivo "a dar explicacións de por que non se realizaron reparacións nunhas obras que deberían quedar impolutas. Os veciños de Silleda, imos pagar dúas veces os mesmos traballos. Debido ao estado nas que quedaron as obras, entendemos a negativa para facilitarnos a documentación demandada", conclúe Ramos.
Comments