Constituida a primeira Comunidade Enerxética de Silleda
- Laura Moure
- 1 may
- 2 Min. de lectura
Este martes 29 de abril tivo lugar unha reunión entre as persoas sociais da Comunidade Enerxética Trasdeza na Casa do Concello
Laura Moure/Silleda
A Asociación Comunidade Enerxética Trasdeza deu un novo paso cara á súa consolidación cunha reunión celebrada este martes, 29 de abril, na Casa do Concello de Silleda. Ao encontro asistiron as persoas socias que actualmente conforman esta comunidade, creada para promover o autoconsumo colectivo de enerxía renovable. Durante a sesión, Xavier Simón, catedrático da Universidade de Vigo, presentou o estudo enerxético e económico de viabilidade desta comunidades, no que se analiza o potencial social, técnico e económico da implantación desta instalación fotovoltaica.

O estudo inclúe a información sobre consumos e coberturas dispoñibles así como unha estimación das achegas económicas por parte de cada persoa socia. A proposta da comunidade pasa pola instalación dun sistema fotovoltáico de 44,18 kWp, que permite unha producción anual de ata 58.577 Kwh/ano, cun total de 94 paneis de 470 w. de potencia.
Publicidade
asjdjasda sjasj dj
O estudo detalla así mesmo os coeficientes de reparto entre os 14 membros actuais cos que conta a Comunidade Enerxética Trasdeza, entre os que figura o Concello de Silleda, co maior coeficiente (8,78 kwp), cuxo destino será o autoabastecemento do Centro Social de Silleda e a atención ás familias vulnerables que residan no ámbito desta instalación. O orzamento estimado, incluindo a redacción dos proxectos técnicos, é de 51.195 euros.
Este encontro marca un avance relevante dentro do proceso de constitución da Comunidade Enerxética Trasdeza, que xa opera como asociación legalmente constituída para así optar ás distintas liñas de subvencións dispoñibles no marco da transición enerxética. Á reunión asistiron por parte do Concello a alcaldesa, Paula Fernández, e o concelleiro de Transición Ecolóxica, Manuel Requeijo.
Publicidade
A creación desta comunidade enmárcase no proxecto europeo EC4RURAL, no que o Concello de Silleda participa xunto a outros 19 concellos rurais galegos. No marco deste proxecto, no ano 2024 realizouse unha enquisa entre a veciñanza, empresas e asociacións do municipio para coñecer o seu grao de interese e coñecemento sobre as comunidades enerxéticas e o autoconsumo colectivo. As respostas recollidas foron fundamentais para deseñar un modelo axeitado ás necesidades locais.
A iniciativa, liderada pola Universidade de Vigo, conta cun consorcio multidisciplinar no que participan tamén a FEGAMP, a Cooperativa Sapiens Energía, a Unión de Cooperativas Galegas e a Fundación Juana de Vega, entre outros. O obxectivo principal é garantir que o rural teña un papel protagonista no cambio de modelo enerxético, fomentando o uso de enerxías limpas e renovables.
Comentarios