top of page

Consolídase a Central Agropecuaria de Galicia Abanca cun aumento da facturación do 67% o ano pasado

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

O vicepresidente Alfonso Rueda visitou hoxe en Silleda as instalacións da lonxa, que está considerada un referente ao contar coa única poxa informatizada de vacún en España


Laura Moure/Silleda

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, xunto co director da Fundación Semana Verde, Ricardo Durán, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou hoxe a Central Agropecuaria de Galicia Abanca de Silleda, xestionada pola Fundación Semana Verde de Galicia e consolidada como referente no sector gandeiro coa única poxa informatizada de vacún en España.

Alfonso Rueda comprobou en Silleda o funcionamento dun sistema pioneiro referente para o sector na actividade de comercialización que se desenvolve cada martes, e percorreu as instalacións da lonxa que pechou o 2021 con 21 millóns de euros en facturación, o que supón un incremento dun 66,8% respecto do 2020.

A poxa de gando vacún da Central Agropecuaria Galicia Abanca, que inclúe tenreiros de recría, tenreiros carniceiros e vacas, baséase nun modelo de comercialización que garante a transparencia nas transaccións entre compradores e vendedores. Creada no ano 1981, incorporou 13 anos despois un sistema informatizado único en España. O proceso contou nos últimos anos con importantes melloras tecnolóxicas, como a incorporación dun sistema telemático para comunicar aos usuarios en tempo real o resultado de cada poxa sen que teñan que acudir ao recinto de Silleda, así como unha aplicación para que os compradores fagan as súas ofertas desde o móbil, onde tamén poden recibir os resultados da poxa. A maiores, o complexo agropecuario dispón dunha Mesa de Prezos, un foro sen presenza física para o establecemento dos prezos de referencia para as transaccións semanais.


Cifras récord

No 2021 pasaron polas instalacións de Silleda un total de 45.163 cabezas de gando que deron lugar a transaccións por valor de 21.235.772 euros. O ano pasado acadáronse, ademais, tres récords históricos no prezo pagado polos exemplares de vacún, así como marcas históricas no prezo medio de vacún maior e no volume de facturación conxunto nunha sesión, o que confirma a Central Agropecuaria de Galicia Abanca como un espazo de referencia para o sector gandeiro.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page