top of page

Confirmada a redacción do proxecto de mellora da estrada N-547 ao seu paso por Arzúa

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Laura Moure/Arzúa

A edil de Obras do Concello de Arzúa, a socialista Begoña Balado, ratificou este venres o compromiso do Ministerio de Transportes para executar nas vindeiras datas a mellora integral da travesía da estrada N-547 ao seu paso polo casco urbano de Arzúa. Como xa se anunciou en datas pasadas, nestes momentos estanse coordinando as actuacións entre o ente estatal e a Demarcación de Carreteras do Estado en Galicia para a confección dun proxecto de mellora de firme da estrada que se atopa nestes intres en fase de redacción.


O compromiso da mellora da seguridade e do estado do firme nunha das vías que soporta na actualidade un maior tránsito de vehículos neste municipio foi unha das preocupacións que xa no mes de novembro do pasado ano adquiriu o alcalde de Arzúa, José Luis García, e a concelleira de Obras, Begoña Balado, nun encontro mantido na Subdelegación do Goberno na Coruña coa súa responsable, Pilar López-Rioboo e co Xefe de Demarcación de Carreteras do Estado en Galicia, Ángel González del Río.

Asistentes ao encontro deste venres.


O proxecto de mellora e acondicionamento, agora en fase de redacción, permitirá solucionar definitivamente os problemas que esta estrada sempre acarreu dende o seu arranxo integral no ano 2010. "Por iso, a visita anunciada polo BNG de Arzúa no día de onte do deputado nacionalista Néstor Rego para levar adiante unha iniciativa no Congreso sobre este asunto non é máis que outro intento de burla de Xoán Xesús Carril de cara a todos os nosos veciños e veciñas", apunta o Concello. "Ninguén en Arzúa esquece que o BNG de Arzúa no ano 2010, sendo Xoán Xesús Carril concelleiro do goberno, investiu un total de dous millóns de euros na renovación integral da travesía para deixala feita nalgún dos seus tramos unha verdadeira chapuza, coa multitude de problemas que a diario sofren e padecen os veciños que viven ao seu carón ou que transitan por ela", engade.


Melloras para garantir a seguridade

A Demarcación de Carreteras do Estado en Galicia enviou esta venres ao Concello información coas actuacións máis destacadas que se levan realizando no municipio en coordinación co goberno municipal. Sinalan o pintado de bandas transversais de alerta, en decembro de 2020, nos pasos de peatóns con maiores riscos á seguridade vial. Existe tamén unha proposta de racionalización dos pasos de peóns actualmente existentes na travesía urbana. Esta proposta contempla a creación dun único paso de peóns na zona da Praza de Galiza, para o que se fai necesario a demolición dun tramo de zona axardinada e posterior pavimentación. Neste novo paso está prevista a semaforización e/ou o reforzo da iluminación peatonal nel.


Acordouse tamén a implantación de focos LED na sinalización vertical de dous pasos de peóns; esta actuación executarase de modo conxunto coa racionalización de pasos citados anteriormente. Executáronse actuacións de fresado e reposición (bacheo do pavimento) no tramo comprendido entre a casa consistorial e a oficina de turismo. Esta zona está pendente do repintado das marcas viais, previsto nas próximas semanas. No resto da travesía está prevista a execución dun selado de fisuras nas próximas semanas, en función das condicións meteorolóxicas. Xunto con isto, existe o proxecto de rehabilitación de firmes da estrada N-547 (32-LC 7630) que inclúe a travesía de Arzúa, que se encontra en redacción na actualidade.


Dende a Demarcación de Carreteras do Estado en Galicia sinalan, ademais, os traballos realizados para a sinalización do núcleo de Oíns, así como a solución aos problemas de drenaxe pola presenza de encharcamento nalgún tramo da A-54, trala súa petición por parte do concello. A concelleira de Obras, Begoña Balado, quixo agradecer ao Ministerio de Transportes e á Demarcación de Estrada do Estado en Galicia “a súa atención co noso concello e o interese amosado dende un primeiro momento en buscar unha solución aos problemas de seguridade viaria e de consistencia do firme que se veñen padecende dende hai moito tempo”.



0 comentarios

Comentários


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page