Concerto das Letras, baile e música e un obradoiro, centran a programación de maio de Silleda
- ecosdacomarca
- 4 may 2023
- 2 Min. de lectura
Laura Moure/Silleda
O mes de maio volta a Silleda con diversas propostas culturais que incluén música, literatura, baile tradicional, audiovisual…
Así, esta primeira fin de semana ademais da presentación do poemario O tempo entre as mans”, de Xosé Luna en Vistalegre (venres 5 ás 20:30 horas), a canteira de Xirandola e da Banda de Música Municipal de Silleda serán as protagonistas.
O sábado día 6 ás 18:00 horas terá lugar no auditorio Municipal Manuel Dopazo a XXVI Mostra Infantil de Baile e Música Tradicional e o domingo 7, ás 17:30 horas volta ao auditorio da Semana Verde o Festival de Bandas Infantís e Xuvenis de Silleda, que acada a súa décimo cuarta edición coa Banda Xuvenil da Sementeira de Cambre como formación convidada.

O mércores 17, Día das Letras Galegas, a música e a tradición serán as protagonistas da xornada festiva en Silleda, que arrancará cun pasarrúas do Grupo de Gaitas da Escola de Música, rematando na praza Siñor Afranio. Alí sobre o escenario actuarán arredor das 12:30 horas o grupo de acordeóns da EMUSI, que darán paso ao concerto do Musigal, da Deputación de Pontevedra, protagonizado por Anxo Lorenzo.
O intérprete moañés, que foi discípulo de Carlos Nuñez, actuará na praza Siñor Afranio, despois de subir nos últimos anos aos escenarios dos máis importantes festivais do mudo celta (Lorient, Ortigueira, Folkherbst de Alemania ou o William Kennedy Internacional Festival Piping), realizando ademais xiras por numerosos países.
Xa o xoves 18, a figura de Francisco Fernández del Riego, a quen se lle adica este ano o Día das Letras, protagonizará un dos obradoiros para a cativada que se organizan dende a Biblioteca Pública Municipal Daniel Castelao, ás 17:00 horas. E o venres 19, ás 20:00 horas, proxectarase en Vista Alegre, no marco do programa O pasado por vir, da Deputación de Pontevedra, o documental Mariví, na pel da memoria, que repasa a traxectoria da escritora Mariví Villaverde, compañeira de Ramón de Valenzuela, realizado por Coral e Laura Piñeiro no marco dos actos do centenario do seu nacemento.
O sábado día 20 haberá tamén unha dobre cita musical: ca Ruada das Fontes e Lavadoiros de Parada, que organiza a AAVV da Parroquia de Parada e o concerto Voces de Carboeiro, organizado polo Coro Vales Mahía, no mosteiro románico ás 19:00 horas.
Comments