"Levamos 75 anos de fracaso na defensa deses dereitos para o pobo palestino. Nin un dia máis!"
Ecos da Comarca/Silleda
Continúan as concentracións nas rúas en apoio a Palestina. Nas comarcas, onte luns, tivo lugar unha en Silleda.
O manifesto lido:
Compañeiras, compañeiros:
Case 2 meses levamos xa saíndo ás rúas en toda Galiza en aoio ao pobo palestino e contra o terrible xenocidio que o estado sionista de Israel está a levar a cabo en Gaza con total impunidade. Nestes case 2 meses máis de 15.000 persoas foron asasinadas, das cales 6.400 son crianzas.
Nestes case 2 meses as Forzas de Ocupación Israelís asasinaron a máis de medio centenar de xornalistas que estaban a cubrir o xenocidio e ás súas familias para facer o maior dano posible. Mais nunca silenciarán cas súas bombas o grito de liberdade do pobo palestino! Dende Gaza, valentes xornalistas seguen a retransmitir como poden e sen descanso os horrores que están vivindo, mesmo despois de perder ás súas familias, que se converten en obxectivo sionista para tratar de calar ás súas voces.
A estas alturas ninguén pode dicir que non sabe o que está a pasar do outro lado do
Mediterráneo. Sabémolo ben. Todos os días dende hai case 2 meses asistimos en directo nas nosas pantallas aos bombardeos e matanzas israelís, que non cesan e son cada vez máis cruentas. Asistimos ao asedio criminal sobre 2 millóns e medio de persoas que están morrendo lentamente sen auga, alimentos, comida nen medicamentos. Asistimos á expulsión forzosa de millóns de persoas das súas casas e terras, que xa superou as cifras das outras grandes operacións planificadas de limpeza étnica de Israel en Palestina: a Nakba de 1948 e da Naksa de 1967.
Asistimos ás mentiras do estado israelí que intenta xustificar un xenocidio inxustificable
insultando á nosa intelixencia. Dixeron que ían rescatar os reféns. Bombardeáronlles encima e rexeitaron intercambialos por reféns palestinas. Dixeron que non bombardearon o hospital Al Ahli, o máis grande de Gaza, que foi un erro da resistencia Palestina. E logo seguiron bombardeando hospitais como levan facendo décadas, e unha recente investigación do New York Times revelou o que xa sabiamos: que todo apunta a Israel.
Dixeron que a xente tiña que evacuar o norte de Gaza e que a ruta cara o sur era segura mentres bombardeaban tamén o sur e á xente que fuxía! Agora ordenan á poboación palestina evacuar tamén o sur. Cara onde? Cara o deserto do Sinaí? Basta de mentiras! Sabemos perfectamente cal é a estratexia real do estado de Israel. A mesma que leva tendo 75 anos: a limpeza étnica total e absoluta e a colonización de toda Palestina. Son
as mesmas mentiras que empregaron para establecer o estado de Israel violando as resolucións da ONU e o dereito internacional. Sabemos perfectamente que se a xente sae de Gaza perderán o seu dereito de retorno, coma os outros 7 millóns de palestinas refuxiadas no mundo que levan 75 anos agardando poder voltar ás súas casas e terras.
Basta xa! O pobo galego denuncia este novo intento sionista de anexión forzosa de territorio palestino a través dun xenocidio e apoia a libre autodeterminación do pobo palestino e o dereito de retorno de todas as persoas refuxiadas! Isto é o que berramos cando dicimos dende o río ata o mar, Palestina vencerá!
Levamos case 2 meses asistindo aos despropósitos diplomáticos dos estados occidentais. Que foi da Declaración Universal dos Dereitos Humanos ou da Cuarta Convención de Xenebra? Onde están os supostos valores de xustiza e liberdade que nos comprometemos a respeitar e promover para todos os pobos do mundo?
Levamos 75 anos de fracaso na defensa deses dereitos para o pobo palestino. Nin un dia máis! Ante a inacción dos nosos gobernos e o xenocidio imparable que están a sufrir ás nosas irmás en Palestina, temos que actuar. Se non agora, cando? Temos que dar un paso mais alá destas concentracións de solidariedade. Todas as persoas que estamos aquí temos o poder para rematar coa ofensiva israelí e co seu rexime de apartheid, limpeza étnica, ocupación e xenocidio e hai moitas cousas que podemos facer para presionar ata
conseguilo.
Chamamos á acción social e á política activa, con esixencias ás nosas representantes tanto no Parlamento Galego como no estado español para que se comprometan a aplicar solucións urxentes de mediación política contra o xenocidio do pobo palestino. Chamamos á cidadanía a asinar recollida de sinaturas da campaña #justiceforgaza, “xustiza para
Gaza” en inglés, para denunciar os crimes de Israel e levar a cúpula dirixente do estado sionista perante a Corte Penal Internacional. Xa levan máis de 50.000 sinaturas, incluíndo 80 cargos políticos europeos e de América Latina.
Publicidade
Chamamos á solidariedade da clase traballadora coa Palestina a seguir facendo protestas nas empresas, portos e estradas co fin de bloquear o comercio con Israel. E instamos aos sindicatos galegos con presenza en empresas cómplices do xenocidio en Palestina a publicar comunicados denunciando estas complicidades. Chamamos á sociedade galega a colaborar coa campaña solidaria de doazóns da UNRWA, a Axencia da ONU para refuxiadas palestinas, para enviar axuda humanitaria de maneira urxente a Gaza. Esta campaña conta co apoio dende Galiza da Asociación Galaico Árabe Jenin e a Fundación Araguaney-Puente de Culturas.
Chamamos en fin a todalas persoas a organizarvos con nós na campaña palestina BDS de Boicote, Desinvestimentos e Sancións a Israel, pola LIBERDADE, a XUSTIZA e IGUALDADE en Palestina.
O Comité nacional palestino do BDS, a maior coalición da sociedade civil palestina, leva dende o ano 2005 pedíndolle aos pobos de todo o mundo que se organicen sumándose aos boicotes estratéxicos que propoñen. Fagámolo! Se non é agora, cando? Seguindo as directrices do comité palestino, dende BDS Galiza facemos 3 chamamentos
principais:
-A boicotar no eido económico todas as tendas Carrefour e os dátiles medjoul “Orixe:
Israel” buscando alternativas doutras procedencias.
-Á comunidade universitaria galega: a organizarse no grupo de traballo horizontal
SUGxPalestina para tratar de presionar o Sistema Universitario Galego para
establecer sancións ás universidades cómplices co estado de Israel e a unirse ás
concentracións dun minuto de silencio que estamos a facer tódolos mércores ás
12h nos campus galegos.
-E moi especialmente a organizarvos connosco en accións concretas de boicote.
Este venres 24 ás 19h da tarde, día do Black Friday, BDS Galiza chama a facer concentracións en tódalas tendas Carrefour. Temos xa confirmadas concentracións nas vilas de Compostela, Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense e Vigo pero precisámosvos para extender esta acción ao resto do país! Acudide e organizádevos con nós para que ninguén merque en Carrefour ata que esta empresa deixe de ser cómplice dos crimes de Israel.
Temos o poder para presionar a Israel igual que fixemos co boicote internacional ao Apartheid de Sudráfrica. So temos que organizarnos e usalo!
O estado de Israel quere que calemos. E destina millóns á súa campaña de propaganda para xustificar o xenocidio. Non nos calarán! Seguiremos falando de Palestina nas nosas casas, no noso traballo, coas nosas amizades e especialmente nas Redes Sociais. Aínda que Gaza quede incomunicada nós seguiremos denunciando o xenocidio!
Publicidade
Seguiremos vindo tódolos luns ás concentracións e pedímosvos a todas as persoas aquí
presentes que fagamos o esforzo de visibilizar o máximo a causa do pobo palestino, reforzar a defensa e identidade do pobo palestina defendendo o o uso da súa bandeira e símbolos como a kufiya en todos os actos reivincativos. Animámosvos a facer pancartas cos lemas que berramos para que se vexa ben claro en todo o mundo cal é a nosa mensaxe ESIXIMOS:
-O cesamento do fogo
-Que entre axuda a Gaza con corredores humanitarios
-E a ruptura de relacións con Israel
Seguiremos vindo e cada vez seremos mais! Cada semana únense novas vilas ás convocatorias e xurden novas iniciativas en todo o país. Seguiremos vindo cada luns e, sobre todo, transformaremos a nosa solidariedade en accións concretas para pararlle os pes ao sionismo. Estade atentas ás nosas redes e non dubidedes en contactar con nós para máis información sobre as distintas accións!
Xuntas podemos parar o xenocidio!
PALESTINA, VENCERÁ!
Asociación galaico-árabe Jenin, BDS Galiza, Galiza por Palestina, Mar de lumes
Comments