top of page

Concentración en Arzúa para demandar o servizo de Pediatría do que carecen neste momento

"Esiximos un compromiso serio coa saúde das nosas fillas e fillos e agardamos unha resposta inmediata por parte das autoridades competentes", sinalan pais e nais


Ecos da Comarca/Arzúa

Este luns tivo lugar unha concentración en Arzúa para demandar o servizo de pediatría. Esta convocatoria partiu por parte de pais e nais que están indignados pola situación que se está a dar no centro médico de Arzúa no que están sen pediatra neste momento.


Este foi o manifesto que leron no acto:

"Boa tarde a todas e todos e moitas grazas pola vosa presenza nesta concentración coa que queremos reclamar uns servizos de pediatría dignos para Arzúa. Esta convocatoria parte dun grupo de nais e pais que estamos profundamente indignados pola situación que desde fai meses se repite no Centro médico de Arzúa, onde constantemente nos vemos afectadas e afectados pola falta de persoal facultativo. Nas últimas semanas atopámonos sen pediatra, tendo que desprazarnos a Santiago, Melide ou outros concellos limítrofes.

Por suposto, vaia por diante que sempre defenderemos o dereito das traballadoras e traballadores á súa baixa laboral e solidarizámonos con elas e eles pola situación de sobrecarga que atravesa o sistema sanitario galego.


Tan só reclamamos uns servizos sanitarios dignos para os nosos fillos e fillas, e isto inclúe o dereito básico a ter un pediatra dispoñible. Non podemos aceptar que os nosos nenos e nenas se vexan privados dunha atención médica axeitada debido a falta de persoal.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Esiximos un compromiso serio coa saúde das nosas fillas e fillos, e agardamos unha resposta inmediata por parte das autoridades competentes. Non descansaremos ata que se restableza o servizo de pediatría en Arzúa. As nosas crianzas merecen nada menos que o mellor.


Instamos á Xunta de Galicia e ao SERGAS a tomar acción inmediata para solucionar esta situación. Merecemos unha atención sanitaria de calidade, e non imos descansar ata que se atendan as nosas demandas. É hora de poñer os intereses da saúde dos nosos fillos e fillas en primeiro lugar. EN ARZÚA QUEREMOS PEDIATRA XA!".


Cabe mencionar que o pasado mes de marzo, o alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, fixo un chamamento urxente á Xunta de Galicia para a inmediata contratación dun ou dunha pediatra para o Centro de Saúde de Arzúa. Máis información no enlace: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-alcalde-de-arz%C3%BAa-insta-%C3%A1-xunta-a-que-contrate-un-ou-unha-especialista-en-pediatr%C3%ADa

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page