Concentración e recollida de sinaturas en Antas para esixir unha atención sanitaria digna
- Laura Moure / IsmaelRS
- 24 sept 2024
- 1 Min. de lectura
Laura Moure/Antas de Ulla
Centos de veciños demandaron en Antas de Ulla o pasado venres "unha atención sanitaria digna e recolléronse sinaturas para esixir á Xunta unha solución. A alcaldesa, Pilar García Porto, reclama tamén reforzos en enfermería: “A próxima semana, haberá só unha enfermeira catro días para consultas, emerxencias e saídas a domicilio”, indicou o venres.

Concentráronse de novo diante do centro de saúde “para esixir á Xunta de Galicia unha asistencia sanitaria digna”. Ademais, recolléronse xa ese día 200 sinaturas para pedir “unha solución por parte da Consellería de Sanidade”. A recollida continua en varios puntos do concello.
Publicidade
“A situación agravouse nas últimas semanas”, lembrou a alcaldesa, Pilar García Porto, que destacou tamén as carencias en enfermería, “xa que por exemplo a próxima semana só estarán un día as dúas enfermeiras, e o resto da semana unha para as consultas, emerxencias e saídas a domicilio”.
“No verán houbo bastantes días sen médico e citas a pacientes que se anulan o mesmo día da cita”, explica a alcaldesa, “e ademais, hai moito retraso para probas médicas ou consultas de especialistas”. “Os concellos do rural non somos de segunda, para evitar a despoboación necesitamos uns servizos públicos dignos”, rematou García Porto.
ECOS DA COMARCA estivemos na concentración e falamos con varios veciños.
コメント