Ecos da Comarca/Agolada
A Asociación Queremos Parcelarias en Agolada convocou este xoves unha concentración ante o Consistorio de Agolada para reivindicar, unha vez máis, as parcelarias paralizadas ou que non chegaron a iniciarse no municipio. A directiva contou co apoio, entre outros, do alcalde de municipio, Luis Calvo, do tenente de alcalde, Óscar Val, ou do edil do PP Rafael Méndez.
Durante o acto interveu o presidente da asociación, Juan Carlos Sánchez, para reivindicar, que a pesar do parón da pandemia, continúan coa loita e agradeceu que no pasado pleno se aprobase por unanimidade a moción sobre as parcelarias, presentada polo equipo de goberno de Agolada, a través da cal instan á Xunta a reactivar as concentracións no municipio.
Sánchez tamén aproveitou para volver demandar reunións co goberno de Agolada e coa oposición e recalcou que dúas asociacións, unha de Ourense e outra da Coruña, contactaron con eles para xuntos loitar polas concentracións en Galicia.
“Gracias á Asociación Queremos Parcelarias por felicitarnos por levar a moción ao pleno”, agradece o alcalde do municipio, Luis Calvo, quen avanza que remitirá unha carta ao conselleiro de Medio Rural, José González, para que de novo visite Agolada para ver in situ, outra vez, a necesidade de que estas concentracións se leven a cabo. “Este equipo de goberno manterá todas as reunións que fagan falta para contribuír con esta causa e coa labor tan importante que esta facendo este colectivo. Porque as concentracións son moi importantes para evitar que o rural desapareza”.
O rexedor tamén avanzou que tan pronto como sexa posible o equipo de goberno convocará unha reunión cos representantes do Partido Popular e da Asociación Queremos Parcelarias “para facer a forza que sexa necesaria entre todos para conseguir que estas parcelarias sexan unha realidade, unha vez por todas”.
Comentários