O delegado territorial, Javier Arias, explicou que a actuación de mellora da eficiencia enerxética do centro educativo avanzan a bo ritmo e só falta pintar o exterior do edificio

Hoxe levaron a cabo a supervisión das obras.
Laura Moure/Palas de Rei
O CEIP de Palas de Rei disporá dun novo parque infantil cuberto en virtude da colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello de Palas de Rei. Este novo parque infantil sitúase anexo ás instalacións do ximnasio e actual pavillón polideportivo do centro educativo. Ademais dos usos necesarios para o colexio, estará aberto o uso público en xeral en horario non lectivo. Disporá de 250 metros cadrados de superficie útil onde se instalarán diversos aparatos adaptados aos nenos.
A Xunta de Galicia vén de iniciar as obras para dotar dito parque infantil dunha cuberta nas que inviste nesta primeira fase de execución 42.000 euros. E será na segunda fase cando se completará as obras co equipamento e instalación de aparatos diversos cun investimento de 150.000 euros.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o centro educativo acompañado do alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, entre outras persoas, e explicou que se construirá unha estrutura con cuberta metálica para facer este espazo máis práctico e cómodo. “A nova instalación permitirá aos nenos e nenas desfrutar do parque durante máis tempo, xa que estarán resgardados das distintas incidencias do clima, como a chuvia ou o sol excesivo”, destacou o delegado. Ademais, apuntou que o Concello de Palas de Rei ten previsto completar posteriormente esta intervención coa colocación dun pavimento de caucho para minimizar os impactos en caso de caída”.
Mellor illamento
Arias tamén comprobou o avance das obras de mellora da eficiencia enerxética que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade executa no colexio de Palas desde finais do pasado mes de outubro, cun investimento de 243.000 euros. Segundo explicou, xa finalizaron as actuacións no interior do recinto escolar e unicamente queda pendente o pintado exterior, que se acometerá en canto as condicións meteorolóxicas sexan favorables.
A finalidade do proxecto é mellorar o illamento do edificio mediante a renovación das carpinterías exteriores, falsos teitos, canelóns e baixantes, entre outros elementos, para evitar tanto a entrada de humidades como de aire. Tamén se promove o aforro enerxético mediante a substitución do sistema de iluminación por equipos LED de baixo consumo.
Comments