Esta asociación levou a cabo esta tarde unha concentración
Ecos da Comarca Lalín
Azos Feministas convocou para este sábado unha concentración ante a celebración do concurso Miss Gran Galicia nesta localidade e tamén en relación a un comentario que se borrou nas redes sociais do Concello.
Este foi o seu manifesto:
"Concello de Lalín, non mire para outro lado ante un testemuño de violencia machista! Esiximos respecto aos nosos corpos e unha programación cultural digna para todxs.
Hoxe saímos á rúa para esixir ao Concello de Lalín que se posicione en contra da celebración na nosa vila do concurso Miss Grand Galicia, porque nos parece un escándalo que se difundise como parte da programación cultural municipal un evento que cosifica os nosos corpos e que nada ten que ver con ofrecer un ocio e cultura dignas para a nosa mocidade, especificamente para as nenas e adolescentes.
Desde o goberno municipal indicouse que non se destinou orzamento público para este evento. Porén, incluír publicidade en carteis e ceder/alugar espazos municipais tamén é apoiar con recursos públicos unha actividade. Neste caso, ademais, cun condeado por violencia machista como un dos promotores.
Concello de Lalín, non invisibilice os nosos testemuños e protexa ás mulleres! Borrar comentarios en redes sociais dunha muller que expón o seu testemuño como vítima de violencia machista, é violencia institucional.
Concello de Lalín, queremos unha programación cultural digna e feminista! Os acusados por violencia machista non poden ser un referente para a nosa xuventude, e menos a través dun concurso de beleza.
Esiximos desculpas e políticas públicas municipais con mirada de futuro, non de pasado (casposo). Non vale con borrar a información dun cartel, se o evento segue a facerse. A necesidade de cumprir cos irreais estándares de beleza que non definimos as mulleres, é unha ferramenta máis de sometemento ás mulleres, que estamos educadas na obriga de gustar, e de ter que sufrir para gustar. Os homes non teñen a obriga de levar tacóns que deforman as costas, de pasar fame para entrar nun bikini, de eliminar con dor calquera cabelo que indique madurez. Caldo de cultivo para que desde unha autoestima "enfermada", as mulleres en incontables xeracións teñen padecido trastornos alimentarios, cirurxías e desfiguracións do noso corpo... no inacabado intento de facer desaparecer as características propias de idade, de peso...
Mentres, cronifícase a cultura da hipersexualización das mulleres, ás que se nos sitúa na sociedade como obxectos para ser miradas. E ensínaselles ás nenas e mozas o valor de pasear en bikini mentras señores observan... agardando ser chamadas «raíñas de beleza». Pero nós non queremos ser raíñas: queremos a metade de todo.
Non imos hoxe a afondar sobre o feito de que non é real que este tipo de actividades axuden a dinamizar o comercio local. Ou acaso a economía de Lalín vive da venda de vestidos de festa e de bikinis? Quen se beneficia destes eventos? Debate aberto. Non imos quedar caladas. Non podemos quedar caladas ante a aberración que representa a celebración destes concursos machistas no S.XXI e é moi grave que se invisibilice o testemuño dunha muller vítima de violencia machista por parte dun goberno local. Non imos quedar caladas.
Publicidade
E solidarizámonos coa muller vítima dun dos promotores deste "concurso" denigrante, que expresou publicamente o seu testemuño e recibiu como resposta o borrado de dito testemuño. De que serve expoñer unha situacion altamente vulnerable, se as institucións non te protexen? Vimos de saber que hai indicios dun novo asasinato machista próximo a nós, en Domaio. Un home, con antecedentes por violencia machista, acelerou o coche no que viaxaba coa súa parella ata caer ao mar. Segundo o que din as novas, ela xa presentaba golpes na cabeza cando caeu ao mar, resultando ela morta e el quedando con vida sobre o vehículo rescatado do mar. Tamén en Roquetas de Mar, Almería, hoxe morreu asasinada a coiteladas unha muller de mans do seu marido. Non chegan os 8M nin os 25N. Queremos protección real e políticas públicas que contribúan a eliminar a violencia machista, desde a súa base.
Imos ler os nosos berros e testemuños, en solidariedade con esta vítima e con todas as mulleres que son silenciadas polas nosas institucións, que no tocante de protexernos, nos silencian.
Non imos quedar caladas".
Comments