top of page

"Con Abeancos pretendemos concienciar da necesidade de coidar e valorizar as nosas raíces culturais"

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

"O patrimonio está descoidado, non existe unha posta en valor, e é sensiblemente vulnerable, debido á falla de compromiso de cada un dos actores que deben mirar por el. Niso somos todos corresponsables: administracións e particulares"

As persoas que forman parte do proxecto Abeancos.

ENTREVISTA AOS INTEGRANTES DE ABEANCOS


Laura Moure/Terra de Melide

Abeancos é un catálogo dixital aberto de elementos patrimoniais presentes na zona da Comarca Terra de Melide. Todos eles, documentados, clasificados e xeolocalizados con mapas libres. Ao tratarse dun catálogo dixital aberto, o acceso aos datos non está restrinxido unicamente á súa visualización neste sitio web. O acceso aos datos en distintos formatos é libre e gratuíto. Hoxe dende ECOS DA COMARCA quixemos saber máis deste marabilloso proxecto.


1. Como e cando xorde abeancos?

Os primeiros pasos déronse a finais do ano 2015, nunha xuntanza de cafetería, onde os membros de Melisa propuxeron ó Museo de Melide facer un proxecto parecido o que se desenvolvía en Mugardos, chamado “A cultura da auga” e que recollía nunha páxina web as fontes e lavadoiros dese concello. Dende o Museo considerouse que no caso da comarca de Melide poderiamos abarcar todos os elementos que conforman o patrimonio cultural: arqueolóxicos, etnográficos, edificacións civís e relixiosas, cruceiros, camiños antigos, pontes, fontes, paraxes naturais con folclore,... e así xurdiu este proxecto que viu a luz en maio de 2016 presentando a páxina web que naquel momento contaba con 36 elementos. A día de hoxe van xa 219. Poden semellar poucos, pero a labor de recompilación de documentación para elaborar as fichas, fotografar ditos elementos e colgalos na web, debe facerse sacando o tempo de onde case non hai, xa que o noso traballo é totalmente altruísta e voluntario, sacando horas e tempo de onde se pode para elaborar as fichas.


2. Quen formades parte deste proxecto?

Por unha banda, a Asociación de Software Libre Melisa conformada por Rafael Rodríguez Gayoso, Jorge Lama e por parte do Museo da Terra de Melide Xurxo Broz Rodríguez e Cristina Vázquez Neira. Pouco despois de botar a andar sumáronse ó proxecto, por parte de Melisa, Elena Salgado Mariño e Guillermo López Garabatos.


3. A denominación Abeancos débese á parroquia melidense deste mesmo nome? E por que esta elección?

En realidade en Melide hai dúas parroquias con esa denominación: San Cosme de Abeancos e San Salvador de Abeancos. Así tamén pervive esa denominación no arciprestado de parroquias da diócese de Lugo desta zona. Pero non é este o motivo. Abeancos é a antiga denominación da xurisdición destas terras, previamente á abolición de señoríos no século XIX e a implantación do sistema actual de concellos. Abeancos escolleuno Rafa Gayoso porque era un nome que resultaba sonoro así como concordante co que pretendíamos facer. El quería que o dominio fose .gal e non resultaba moi práctico dicir “patrimonio da terra de melide.gal” ou algo similar, sen embargo abeancos.gal, resulta máis sonoro e memorizable, recuperando ó mesmo tempo o antigo topónimo, identificando esta zona e recuperando a memoria.


4. Que podemos atopar no voso proxecto?

Un catálogo de patrimonio etnográfico, artístico, arqueolóxico e en xeral patrimonial da Comarca da Terra de Melide. Son fichas nas que se pode ler unha descrición do elemento, características construtivas, estilos artísticos, datos históricos,... fotografías dos mesmos, así como un apartado bibliográfico de cada un dos elementos onde poder consultar máis sobre os mesmos. As fichas obviamente deben ser precisas e concisas aínda que aportan moita información. Conteñen ademais datos prácticos como cronoloxía, coordenadas de localización, parroquia onde se localiza e lugar detallado... Trátase dun catálogo amplo no que se pretende deixar recollido todos os elementos que conforman o patrimonio desta comarca. Moita xente pode entender por patrimonio só os grandes monumentos, e con este catálogo pretendemos amosar que patrimonio é todo, son todos os elementos construídos e naturais que conforman o entorno. Polo que ademais de ser unha enciclopedia virtual onde consultar e coñecer, tamén pretendemos poñer en valor e concienciar da necesidade de coidar e valorizar as nosas raíces culturais. O único aspecto que non se aborda en abeancos.gal é o que atinxe ó patrimonio inmaterial: lendas, folclore, crenzas, música, contos de lareira, festas cíclicas do ano..., polo demais tratamos todas as variables.


5. Centrádesvos en maior medida nalgún elemento patrimonial en concreto?

Non, como xa dixemos pretendemos abordar todo: arqueoloxía, etnografía, arquitectura civil e relixiosa, camiños, pontes, fontes e patrimonio natural. Quizais este último sexa o menos tratado, xa que fundamentalmente traballamos acerca do patrimonio cultural construído.


6. Está sendo doado o proceso?

Si, pero dá moito traballo. É doado. Por parte do Museo non hai máis que elaborar as fichas e redactalas. O Museo ten un fondo documental que tamén axuda. Por parte de Melisa, que elaboraron o formato dixital, a súa labor consiste en subir e colgar as fichas na web unha vez que xa está elaborada a plantilla dende o principio. Quizais o máis complicado sexa coordinar horarios entre todos nós para poder quedar e traballar conxuntamente.

7. O voso proxecto está enfocado á Comarca Terra de Melide, pero habería posibilidades de chegar a outras zonas?

Basicamente non. Hai casos de elementos que pertencen a comarcas e concellos lindeiros que están en abeancos pero por que nestes casos teñen unha relación directa co devir social e cultural da nosa comarca. Pero abeancos pode servir de exemplo para que outras comarcas fagan o mesmo e creen a súa propia páxina similar a esta.


8. Como foi a acollida da vosa exposición que tamén se puido ver, por exemplo, no municipio de Santiso?

Tratouse dunha exposición itinerante. Foi inaugurada no Museo da Terra de Melide en xullo de 2021 e logo estivo exposta nun local de hostalería de Melide para posteriormente ir á Oficina de Turismo de Santiso instalada no edificio do antigo concello. Tivo boa acollida nos tres sitios onde estivo exposta, xa que as fotos en gran formato son espectaculares e porque os elementos amosados a xente os identifica visualmente.


9. Estades facendo unha labor moi importante, ¿pero credes que o patrimonio está sendo realmente valorado hoxe en día? ¿Botades algo en falta ao respecto?

Lamentablemente hai que asegurar que o patrimonio cultural non está debidamente valorado. A diagnose ó respecto reflicte que hai fallo de conciencia, e de consciencia, da importancia social do patrimonio. Nese eido estamos a anos luz respecto a outros territorios, pero neste caso para mal. O patrimonio está descoidado, non existe unha posta en valor, e é sensiblemente vulnerable, debido á falla de compromiso de todos e cada un dos actores que deben mirar por el (e niso somos todos, aínda que en diferente medida, corresponsables: administracións e particulares). Non se está a apostar pola recuperación do Patrimonio cultural, nin tampouco pola súa valorización. Exemplos de desleixo e falla de compromiso hai abondo: en Melide a alguén se lle ocorreu demoler o Convento Pasionista, e así se fixo e non pasou ren; o Cruceiro de Melide servíu de apoio para escenarios de orquestras, ouriñario público e barra de bar, e non pasou nada, nin se xerou unha conciencia de protección ó respecto. Agora coas obras da Ponte de Furelos estanse a deturpar severamente os seus valores, e non hai unha resposta contundente de rexeitamento. Por desgraza nese aspecto pouco hai que presumir e fachendear.


Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page