top of page

Comunicado da Nova Alternativa de Vila de Cruces con motivo do Día das Letras Galegas

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

Ecos da Comarca/Vila de Cruces

Compartimos o comunicado de Nova Alternativa de Vila de Cruces con motivo do Día das Letras Galegas, que se conmemora hoxe, como cada 17 de maio.


Hoxe é un día especial para a cultura galega. Dende fai tempo a festa das nosas letras xa non só é un día de recoñecemento literario a un autor, senón que é unha data de reivindicación da nosa lingua, do noso sentir e do noso acervo cultural. Por todo iso, dende NOVA ALTERNATIVA quixemos facer un comunicado acerca do que nós pensamos que debera ser o futuro da cultura en Vila de Cruces, onde a raíz galega estará sempre vencellada a calquera proposta que poidamos levar a cabo.


Non cabe dúbida de que o noso municipio ten un gran impulso cultural e asociativo promovido en gran medida polo importante número de colectivos que levan a cabo a súa acción cultural dentro del. Bandas de música, corais, asociacións culturais, grupos de música, grupos folclóricos, entroidos, teatro, así como artistas plásticos e literarios, fan do noso Concello un territorio moi dinámico e cunha participación extraordinaria no eido da cultura.

Eles, os colectivos e artistas individuais, son os principais actores e protagonistas da acción cultural que predomina no noso municipio e aos que tódolos cidadáns debemos estar enormemente agradecidos pola labor que levan a cabo totalmente desinteresada e que nos permiten gozar das súas creacións e programacións.


Neste senso, dende Nova Alternativa consideramos que un dos principais papeis que ten que prestar a administración local é a de colaborar e axudar na medida do posible a todos e cada un dos colectivos existentes a través da cesión de material e espazos necesarios, axudas económicas, así como o de fornecer a conformación dunha programación cultural municipal que inclúa a tódolos colectivos e artistas, contribuíndo tamén deste xeito a súa posta en valor e recoñecemento.

Preme na imaxe se queres obter máis información deste evento.

Somos conscientes de que a acción cultural e o dinamismo sociocultural son pilares básicos para conformar unha sociedade aberta e tolerante, ao tempo que crítica e responsable. Un pobo que camiñe da man da cultura será un pobo que non perda o horizonte e que saiba afrontar con valentía e decisión os retos que nos poida deparar o futuro.


Nova Alternativa é consciente da importancia de arroupar e coidar a tódolos actores implicados e, por iso, o primeiro paso a dar será coñecer as súas necesidades, co obxectivo de planificar un programa de accións encamiñadas a avaliar aquelas que por similitude poidan ter unha resolución conxunta e aquelas outras que necesiten dunha actuación singular.


Así mesmo, manterase unha comunicación permanente con tódolos participantes co propósito de coordinar unha programación estable por todo o territorio de xeito que non se solapen programas e tamén para que os cidadáns teñan toda a información dispoñible a súa man. Trátase entón de optimizar as accións culturais que leven a cabo tanto o concello como os distintos colectivos para que se poida dar a maior cobertura informativa e publicitaria posible, e que redunde nunha maior afluencia de público aos distintos eventos (en ocasións hai programas dos que o cidadán non dispón en tempo da información da súa realización, o que provoca que moitos deles non poidan acudir por descoñecemento).


Se aplicamos a célebre frase de “a unión fai a forza”, estamos convencidos de que entre todos, entidades e administración local, pódese poñer en funcionamento unha rede cultural e divulgativa que chegue a tódolos veciños e veciñas e que permita un maior achegamento e aproveitamento da oferta cultural.

Moitos dos integrantes da candidatura de Nova Alternativa ou estivemos ou estamos involucrados en distintas entidades de ámbito cultural, polo que o noso apoio e compromiso coa acción e promoción sociocultural no noso municipio será unha realidade incondicional.


Complementando o anterior, dende Nova Alternativa tamén se promoverá a realización de programacións, actuacións e eventos con grupos e artistas externos que poidan aglutinar un especial interese e que contribúan a ampliar a oferta existente. Non nos esquecemos da lingua, a base da nosa cultura, o pilar sobre o cal se asenta a cultura e a tradición de Galicia e que tamén será un obxectivo para Nova Alternativa. Todos os días serán para nós 17 de maio, e traballaremos na difusión do galego e na súa normalización en tódolos niveis da sociedade, para que sempre levemos con orgullo na fala o noso sentir como galegos.


Nova Alternativa





Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page