"Catro anos despois están sen executar a compra dos marcadores ou a mellora da
caldeira no Cortizo e o arranxo das pistas de tenis próximas ao lago do Pontiñas", sinala Santi Castro
Ecos da Comarca/Lalín
O responsable de Deportes de Compromiso por Lalín, Santi Castro, pregúntalle ao goberno municipal polo destino dos cartos que se habilitaron a finais do anterior mandato para a mellora de diferentes instalacións deportivas. Lembra que en marzo de 2019 aprobouse unha modificación de crédito na que se incluían partidas para varias actuacións que a día de hoxe, catro anos despois, aínda non foron executadas.

En concreto, Castro explica que o anterior goberno aprobara unha partida de máis de 17.000 euros para a reposición do interacumulador da caldeira do Manuel Anxo Cortizo, así como outra de case 21.500 para a instalación de dous marcadores: un para cada campo. Tamén se activaran case 12.000 euros para o arranxo das pistas de tenis próximas ao lago do Pontiñas.
“O certo é que pasaron catro anos e seguimos sen saber nada destas melloras”, lamenta Santi Castro. Incide en que, na área de Deportes, o goberno de Crespo semella “incapaz nin tan sequera de executar o que outros deixamos preparado para dar resposta ás demandas dos clubs deportivos e das persoas usuarias das instalacións”.
Por outra banda, tamén recolle a preocupación de diferentes colectivos "polo escaso mantemento e coidado que se está a ter con algunhas instalacións". Menciona, de maneira específica, o rego da herba sintética do Cortizo, que non se está a facer nas condicións requiridas para o seu correcto mantemento.
Tamén cuestiona ao goberno local polo incumprimento dalgunhas das súas promesas electorais no eido deportivo, como o cambio de emprazamento da grada de tribuna e a construción de novos vestiarios no estadio. “Máis palabras ocas do PP que se levou o vento neste mandato, ao igual que moitas outras das que iremos falando”, conclúe Castro.
Comments