O seu obxectivo é convertelo "nun verdadeiro polo dinamizador do comercio local"
Ecos da Comarca/Lalín
O programa de Compromiso por Lalín para as vindeiras eleccións incluirá medidas para que o párking municipal cumpra de maneira efectiva e real o obxectivo para o cal foi mercado polo anterior goberno municipal: ser un espazo útil para favorecer a dinamización comercial da vila e propiciar a chegada de clientes e usuarios aos negocios de Lalín.
Así o anunciou onte o candidato de CxL, Rafael Cuiña, quen explicou que unha das primeiras medidas que adoptará de chegar á Alcaldía, sempre mantendo a súa gratuidade, será a de reordenar os estacionamentos para que a pranta baixa do aparcadoiro teña, como máximo, un 20 por cento de prazas reservadas.

Deste xeito impulsarase a rotación e a mobilidade de vehículos, facendo máis atractivo o seu uso para clientes de comercios e negocios, que moitas escollen outras alternativas de estacionamento ante as dificultades para atopar un lugar facilmente accesible no párking público.
Cuiña explica que Compromiso decide acometer esta reordenación despois de recibir numerosas queixas por parte de usuarios e establecementos da contorna. “Hai unha sensación xeneralizada de que o aparcadoiro non está a funcionar como polo tractor de clientes para o comercio debido ás limitacións coas que se atopan moitas persoas á hora de deixar o seu coche no mesmo”, sinala.
Neste contexto, engade que “non ten sentido que vehículos que non se moven en varios días, cando non semanas, ocupen unha praza reservada nos lugares máis accesibles para, por exemplo, poder levar a compra”. A maiores, Cuiña amósase convencido de que esta reordenación permitiría que se reducisen de maneira considerable os estacionamentos indebidos nas proximidades de comercios e supermercados, e que acaban afectando á fluidez do tráfico no casco urbano.
Rafael Cuiña remarca que con esta medida o párking municipal adaptaríase á verdadeira función pola cal foi comprado na súa etapa como alcalde. Lembra ademais que nesa operación acadou un aforro de máis de 400.000 euros con respecto ao prezo que pretendía pagar o Partido Popular, “unha xestión da que me sinto especialmente orgulloso porque aparte de recuperar un espazo destas características para uso de todos e todas, fíxose cun absoluto rigor e eficiencia na xestión dos cartos públicos”.
Mitíns para hoxe, sábado
CRISTIMIL- LOCAL SOCIAL- 11:00 HORAS
GRESANDE - LOCAL SOCIAL 17:00 HORAS
ANSEÁN -LOCAL SOCIAL - 18:00 HORAS
BENDOIRO -LOCAL SOCIAL -19:30 HORAS
MADRIÑÁN -LOCAL SOCIAL- 21:00 HORAS
Comments