top of page

Compromiso por Lalín renovará o parque da Igrexa para mellorar a súa funcionalidade

Ecos da Comarca/Lalín

O candidato de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, explica que o proxecto transformador de CxL para o vindeiro mandato incluirá tamén a renovación e a mellora do parque da Igrexa, a carón da igrexa de Lalín, para convertelo nun espazo verdadeiramente funcional, en especial para a xente maior.


“Ese parque, a pesar do seu emprazamento privilexiado en pleno centro urbano, leva anos infrautilizado e nunhas condicións que están lonxe de ser as mellores para a súa importancia dentro do entramado urbanístico municipal”, explica Cuiña.

“Non debe ser simplemente un lugar no que sacarse fotos despois dun bautizo, senón que ten que transformarse nun eixo vertebrador da humanización do centro urbano e complementar a actividade social que xira en torno á praza da Igrexa e ao parque da Vila”, sostén.

Por iso, o programa de Compromiso incluirá a reforma deste parque, onde se ubica un elemento patrimonial e cultural tan importante como a estatua de Ramón Aller, obra de Francisco Asorey, un dos escultores de máis renome na historia de Galicia. A actuación que propón Compromiso xirará arredor da posta en valor deste elemento escultórico para que, sen cambialo de emprazamento, implique un maior atractivo para o parque e para o conxunto do entorno.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

Tamén se mellorarán os camiños interiores, as zonas verdes, a fonte e o mobiliario urbano, dándolle un mantemento e limpeza axeitado e constante, ao tempo que se realizan actuacións para mellorar a accesibilidade ao parque e se colocan novos elementos para o descanso e o lecer da veciñanza, enfocados de maneira particular no benestar da xente de máis idade.

“A actuación será integral pero mantendo a esencia do parque, tendo en conta os condicionantes patrimoniais que pode haber á hora de levala a cabo”, di Cuiña. Precisamente, o candidato de Compromiso por Lalín salienta que “esta renovación non só mellorará a aparencia e funcionalidade deste lugar, senón que tamén axudará a manter viva a historia e a cultura de Lalín”.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page