Pretende construir unha plataforma única entre as rúas Montefaro e Pintor Laxeiro
Ecos da Comarca/Lalín
Rafael Cuiña anuncia que o programa de Compromiso por Lalín para as vindeiras eleccións municipais incluirá un "ambicioso" proxecto de humanización da rúa Luis González Taboada, popularmente coñecida como rúa A. A iniciativa deseñada por CxL inclúe a posta en marcha dunha plataforma única no treito que transcorre entre as rúas Montefaro e Pintor Laxeiro, seguindo un modelo semellante ao que impulsou o anterior principal para o tramo da rúa Matemático Rodríguez que pasa ante a praza de Loriga ou para as rúas Principal e Loriga.
Con esta medida, Compromiso adaptará unha das principais arterias do casco urbano ás necesidades do século XXI, avanzando nun modelo de vila máis amable, sostible e atractivo e proseguindo coa ambiciosa humanización do centro posta en marcha no pasado mandato. “Trátase, sobre todo, de situar a mobilidade e a seguridade das persoas no centro do deseño urbanístico para dar resposta ás súas necesidades e incrementar o seu benestar e satisfacción”, salienta Cuiña.

Neste senso, a plataforma única que levará a cabo Compromiso permitirá que haxa unha prioridade peonil e ciclista, pero compatibilizándoas co paso de vehículos, estacionamento en superficie, paso ao parking municipal e carga e descarga para os locais comerciais e hostaleiros da zona.
Cuiña incide en que a humanización da rúa suporá un impulso á dinamización económica, comercial e social da zona, xa que se mellorará a accesibilidade a negocios e establecementos, así como a seguridade viaria.
Neste senso, o novo deseño urbanístico da rúa permitiría ademais o seu corte puntual en fins de semana e datas concretas para a celebración de actos ou eventos que contribúan á súa dinamización social. “É o modelo de éxito que aplicamos noutros puntos do casco urbano co anterior goberno e que tan bos resultados deu”, di.
Aspecto estético
Para iso, por suposto, un dos aspectos primordiais será a mellora do aspecto estético, dos servizos existentes e da circulación. A maiores, de cara a atopar unha solución consensuada e que satisfaga as necesidades de todos os implicados, no proxecto de humanización da rúa contarase coa participación e colaboración de comerciantes, e dos veciños e veciñas da zona en xeral.
En definitiva, Cuiña defende que esta actuación ten como obxectivo principal a mellora da calidade de vida da cidadanía, fomentando unha mobilidade máis sostible e segura e un impulso á actividade comercial e hostaleira da zona. “A humanización das rúas do casco urbano, avanzando no modelo que se empezou a activar no pasado mandato, é unha medida fundamental para conseguir unha vila máis dinámica e acolledora, sempre coa vista posta en dar resposta ás necesidades da nosa veciñanza e dos nosos visitantes”, conclúe Cuiña.
Comments